Que está pasando
O Paseo de San Valentín convértese esta fin de semana no epicentro da música en directo coa celebración da XXII edición do FeneRock, organizado pola Asociación Cultural Centolos. A programación arranca hoxe venres e prolongarase até o domingo, 7 de setembro, cun cartel cheo de grupos referentes do rock e da música alternativa.
Esta fin de semana regresa unha das citas máis agardadas do comercio local: o Outlet Fene, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de setembro, organizado polo Concello de Fene en colaboración coa Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos de Fene “O Cruceiro” e coa colaboración económica da Deputación da Coruña.
O evento desenvolverase en horario de venres e sábado de 10:00 a 13:30 h e de 17:00 a 20:00 h, e o domingo de 11:00 a 13:30 h. Será unha excelente oportunidade para atopar produtos de calidade a prezos moi rebaixados, ademais de desfrutar dun ambiente festivo, con animación e decoración especial nos comercios.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; e os concelleiros de cultura, Justo Ardá; e de servizos, Adán Chao; visitaron onte á tardiña o recinto do Parque da Hortiña, en Limodre, para supervisar os últimos preparativos da nova edición do Felicia Pop, que arranca hoxe e que converterá Limodre durante dúas xornadas nun referente da música alternativa.