Que está pasando
O Concello de Fene vén de publicar as bases do II Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa coa que busca fomentar a participación da veciñanza, embelecer as rúas durante as festas e contribuír á dinamización do comercio local.
O certame, impulsado pola área de promoción económica, regresa tras o éxito da primeira edición, na que se rexistraron proposta moi creativas, sostíbeis e cheas de espírito nadalicio.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta iniciativa foi moi ben acollida o ano pasado, demostrando a ilusión e a implicación da veciñanza nas actividades municipais”. Pola súa banda, a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, subliñou que “o concurso contribúe a dinamizar o concello durante o Nadal, atraendo visitantes e fomentando que a xente se achegue ao comercio local”.
O Concello de Fene vén de abrir o prazo de inscrición para participar no encontro interxeracional do proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro”, que se celebrará o sábado 25 de outubro ás 18:00 h na ACRD O Pote de Maniños.
O evento porá o broche final ao proxecto e servirá como punto de encontro entre xeracións arredor da memoria viva do estaleiro e da cultura mariñeira. Durante o acto presentarase un vídeo resumo das actividades realizadas, farase entrega dun recoñecemento ás persoas e entidades participantes, e presentarase unha exposición e publicación fotográfica con imaxes recollidas durante o desenvolvemento. A xornada rematará cunha degustación de produtos do
mar.
O proxecto Fene 1941 desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado polo Programa FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte, cun 70% de fondos da Unión Europea e un 30% da Consellería do Mar (Xunta de Galicia).
Inscricións: https://forms.gle/Lfp7rLi9tdirexMy8
O proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro” arrinca esta fin de semana coa primeira cita gastronómica da ruta “O estaleiro nas tabernas”, unha proposta que combina tradición mariñeira, gastronomía e música popular, e que forma parte do programa promovido polo Concello de Fene.
Nesta primeira quenda, que se desenvolverá os días venres 10 e sábado 11 de outubro, entre as 20.00 e as 22.00 horas, participarán os locais O Enxebre, Arrecendo, A Ponte, Lembranza e CMIU Fene (estes dous últimos só o venres). Cada establecemento ofrecerá unha tapa elaborada con produtos do mar ao prezo de 2,50 euros, inspirándose nas receitas e sabores tradicionais da nosa ría.
