Territorio e clima

Inicio   Fene descúbreo   Territorio e clima
Unha paisaxe de formas
suavizadas caracteriza o
relevo de Fene

O relevo artéllase nunha sucesión de chanzos que se elevan progresivamente desde a área litoral cara á interior, determinando unha paisaxe de suaves outeiros na banda occidental do municipio, nas parroquias de Perlío, Barallobre, Maniños e Limodre, e unhas alturas de maiores cotas cara ao interior, atinxindo nos límites do concello coa Capela e Cabanas as maiores alturas cos 359 metros de Couto do Rei e cos 341 metros no Couto de Nodiás.

O principal curso fluvial é o Belelle que sinala o lindeiro co concello da Capela e Neda, forma unha fervenza de 45 metros de salto e é unha das paisaxes máis fermosas da comarca.

Climatoloxía

Fene sitúase baixo o dominio
climático oceánico húmido

Fene sitúase baixo o dominio climático oceánico húmido, caracterizado por unha grande suavidade térmica e precipitacións moderadas. A temperatura media anual oscila entre 13 e 15º e as precipitacións, repartidas nunha media de 150 días ao ano, sitúanse entre 1.200 e 1.500 mm.

As temperaturas medias máis baixas rexístranse no mes de xaneiro con 8,8º C e as temperaturas medias máis elevadas anótanse en xullo e acadan os 18,1º C.

As chuvias teñen unha distribución estacional que ten os seu máximos nos meses de inverno, nos que se recolle o 37% das precipitacións. Pola contra, o verán acusa unha forte seca e apenas se capta o 11% das precipitacións, o que se traduce nun acusado déficit hídrico en xullo e agosto. Primavera e outono compórtanse como estación pluviométricas de transición nas que se recollen, respectivamente, o 24% e o 28% das precipitacións.

Nas parroquias onde se suman, por unha banda, unha favorable orientación en relación cos ventos dominantes da zona, que son do Oeste e do Noroeste e que veñen acompañados de humidade, e por outro banda, unha orientación ao mediodía que achega máis horas de sol, as condicións climatolóxicas son máis benignas. É o caso das parroquias litorais de Barallobre, Maniños, Fene, Perlío, San Valentín e mesmo Limodre.

Naquelas parroquias do interior como Magalofes e Sillobre, que se asentan en fondos dos vales entre montañas, é común a aparición de néboas de inversión térmica e o rexistro de descensos das temperaturas.