Novas

15-06-2023

O vindeiro luns abre o prazo para inscribirse nas actividades deportivas de verán do Concello de Fene

Bautismos de mergullo, cursiños de kaiak e paddle surf para adultos e para poboación infantil, campamento lúdico-deportivo e ximnasia de verán. Son algunhas das actividades que o Concello de Fene anuncia para as vindeiras semanas, no marco da súa programación deportiva de verán 2023. Baixo o lema “Movémonos???”, as actividades desenvolveranse en distintas instalacións municipais, entidades sociais e espazos naturais do Concello de Fene durante os meses de xullo e agosto. As persoas que queiran anotarse nos campus deportivos e cursiños de verán municipais poderán facelo a partir do vindeiro luns, 19 de xuño, no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene. Horario: de 9.00 a 14.00 horas.
14-06-2023

Xornada de Fotogrametría 3D

O venres 16 de xuño a Casa da Cultura de Fene acollerá, de 19.00 a 21.00 h, unha xornada sobre Fotogrametría 3D a cargo de Antonio González Lorenzo.
A xornada, de balde, require inscrición previa a través da conta daviddeibe@casnautilus.org

Actividade organizada polo Club de Actividades Subacúaticas Nautilus coa Colaboración do Concello de Fene.
07-06-2023

Reserva de prazas nas escolas deportivas 2023/2024

A Concellería de Deportes informa sobre o procedemento de reserva de prazas nas escolas deportivas municipais 2023/2024. Ésta tramitarase presencialmente no Pavillón A Xunqueira para alumnado matriculado no mes de XUÑO.

Os prazos son: 

O alumnado de Fene poderá realizar a súa reserva entre o 12 e o 23 de xuño.
O alumnado de fóra de Fene e de Fene poderá realizar a súa reserva do 26 de xuño ao 5 de xullo.

As persoas interesadas poderán achegarse no seguinte horario de atención ao público, de luns a venres de 08:30 A 14:00 H e os mércores do mes de xuño 16:00 A 19:00 H.
19-05-2023

Fene acolle mañá sábado o Trofeo Deputación de Patinaxe Artística categorías Benxamín a Infantil

O certame,  organizado polo C.P. Buxaina e o Concello de Fene, desenvolverase o sábado 20 de maio no Pavillón A Xunqueira no seguinte horario:

Horarios da xornada:
De 10:00 h. a 10:10 h. – Contacto Pista Benxamín masculino e feminino
De 10:10 h. a 10:30 h. – Contacto Pista Alevín
De 10:30 h. a 10:45 h. – Competición Benxamín masculino
De 10:45 h. a 11:40 h. – Competición Benxamín feminino
De 11:40 h. a 14:00 h. – Competición Alevín
Entrega trofeos

De 16:00 h. a 16:40 h. – Contacto Pista Infantil masculino e feminino
De 16:40 h. a 17:00 h. – Competición Infantil masculino
De 17:00 h. a 19:30 h. – Competición Infantil feminino
Entrega trofeo
16-05-2023

Andaina por Magalofes o sábado 3 de xuño

Aberto o prazo de inscrición na ruta do sábado 3 de Xuño por Magalofes. Unha ruta de dificuldade baixa, de aproximadamente 5 km.
15-05-2023

Ao redor de cincocentas nenas e nenos participaron este domingo na XXVIII Milla Escolar Concello de Fene

O barrio de San Valentín foi o escenario, un ano máis, da Milla Escolar Concello de Fene, evento que mestura deporte, diversión, ocio e competición. Cun nivel de inscricións semellante ao de edicións anteriores, nas oito categorías nas que se dividiu a proba (cadete, infantil, alevín, benxamín, prebenxamín, biberón, prebiberón 2 e prebiberon 1) sumáronse ao redor de medio milleiro de participantes, con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos. A Milla Escolar Concello de Fene está organizada pola Concellería de Deportes coa colaboración de Decathlon, Navantia, Eroski e Espacio Deportivo Ferrolterra.
11-05-2023

En marcha a Festa do Deporte Adaptado Fene 2023

Cunha xornada técnica, dirixida a estudantes e profesionais do ámbito socio-sanitario, deportivo ou social, comezou esta mañá na Casa da Cultura a Festa do Deporte Adaptado Fene 2023, promovida por ASCM Galicia coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene. A psicóloga deportiva Teresa Allegue, a tamén psicóloga Pilar Carballeira e o director do Centro Activa, Jaime Aneiros interveñen na sesión de mañá para falar sobre psicoloxía deportiva, comunicación e discapacidade e os beneficios da actividade deportiva. Pola tarde, tamén na Casa da Cultura, intervirán o deportista paraolímpico Álvaro Illobre, o adestrador de Rugby adaptado Suso Victoria, o seleccionador nacioal sub-19 FEDPC e a árbitra nacional de boccia Paula Gárate. Falarán sobre o deporte adaptado, propoñendo un achegamento a distintas disciplinas coma o boccia, o baloncesto e rugby en cadeira de rodas, ou o fútbol 7 para Pc e Dca.
09-05-2023

Campamentos deportivos de Verán da Deputación da Coruña

O Concello de Fene conta este ano con 5 prazas na 1ª quenda dos campamentos de verán da Deputación da Coruña. Será do 2 ao 7 de xullo de 2023 nas instalacións do IES Rosalía Mera (A Coruña). Campamento con estancia e manutención, onde poderán desfrutar dunha gran variedade de actividades.
Poden participar neste campamento os nenos/as nados/as entre o día 1 de xaneiro de 2009 e 31 de decembro de 2014. 
08-05-2023

Fene acolle o I Trofeo Galego Dxt Adaptado

Evento multideportivo que ten como obxectivo reactivar o deporte no ámbito da diversidade funcional na zona despois do parón da pandemia. Terá lugar durante os días 11, 12 e 13 de maio e incluirá formación, competición e goce a partes iguais, ademais doutras actividades paralelas que buscan fomentar, gozar e motivar a práctica do deporte adaptado nun ambiente festivo e dinámico.
 
03-05-2023

Fene acolle esta fin de semana o Campionato Galego Open Base de Ximnasia Artística Feminina

Ao redor de 200 ximnastas participarán entre o sábado 6 e o domingo 7 de maio no Campionato Galego Open Base de Ximnasia Artística Feminina que se desenvolverá no pavillón A Xunqueira de San Valentín. O certame, que se organiza en Fene por primeira vez, contará coa participación de ximnastas dos clubs Ximnasia Artística Ferrolterra, Tempo, Ximnasia Coruña e BayoSil. A maiores, este ano participará tamén como convidado o club asturiano Real Grupo de Cultura Covadonga. Á par que se desenvolve o certame galego de base de XAF, na xornada do domingo haberá dous torneos: o Torneo Open Vía Olímpica de XAF e o Torneo Base e Promogym de XAM.