Novas

07-12-2022

Case 800 deportistas tomarán a saída este domingo no XXXVI Memorial Adolfo Ros

Todo listo para unha nova edición do Memorial Adolfo Ros, a principal carreira popular do calendario comarcal que percorrerá os concellos da ría na mañá deste domingo 11 de decembro. Ao peche das inscricións, a Federación Galega de Athletismo contabilizou 782 deportistas nos oito apartados que terá a proba, a maioría delas para a distancia absoluta de 21 quilómetros. Este ano a organización recaeu no Concello de Fene, quen, en colaboración con Ferrol, Narón e Neda, ten preparado un amplo dispositivo para que esta auténtica festa do deporte sexa, de novo, todo un éxito.
01-12-2022

Abre o prazo de preinscrición para a Campaña da Neve da Deputación da Coruña

Sete nenos ou nenas de Fene poderán gozar este ano da experiencia de participar na “Campaña Neve” da Deputación da Coruña. O programa, dirixido a rapaces/a de 11 a 15 anos (inclusive), sufragará boa parte dos custes que supón a viaxe, estadía, manutención e actividades na estación de montaña Valgrande-Pajares (Asturias) dende o 13.01.2023 ao 16.01.2023. A cota de participación que corresponde ás familias ascende a 85 euros por persoa. Dende o xoves 1 até o venres 16 de decembro está aberto o prazo para facer as preinscricións dos nenos/as no Departamento de Cultura e Deportes de Fene (Avda. Naturais 44, entresollado), de luns a venres en horario de 09.00 a 13.30 horas.
13-10-2022

A cuarta “Andaina por Fene” percorrerá a parroquia de Magalofes o sábado 22 de outubro

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Magalofes que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Magalofes para o sábado 22 de outubro, a partir das 11.00 horas (agrupamento ás 10.45 horas). A andaina comezará no local da entidade para continuar por Picas, Punxeiro, Fontenova, Muíño do Redondo e Igrexa, e volta ao punto de saída tras percorrer uns 5 quilómetros de dificultade baixa e cunha duración aproximada de 2 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 21 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 630 994 459.
30-09-2022

As Andainas por Fene percorrerán Maniños o venres 7 de outubro

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Maniños que organizan a Concellería de Deportes e a SCRD O Pote para o venres, 7 de outubro, a partir das 17.30 horas. A andaina comezará no local da entidade e percorrerá O Conde, Boado, O Seixo, Peirao do Seixo e a praia de Maniños, para voltar ao punto de saída tras percorrer uns 6 quilómetros de dificultade media e cunha duración aproximada de dúas horas e media. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 7 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 609 435 941.
28-09-2022

Horarios de adestramento dos pavillóns polideportivos municipais

A Concellería de Deportes publica os horarios de adestramento dos pavillóns polideportivos municipais de "A Xunqueira" en San Valentín e de "O Ramo" en Barallobre durante a tempada 2022/2023. Unha vez rematado o prazo de solicitudes de adestramento nos pavillóns polideportivos municipais do Concello de Fene para equipos de fóra do concello, asociacións e particulares; achégase o horario de adestramento, confeccionado segundo as solicitudes recibidas e o Regulamento de Réxime Interior de Instalacións Deportivas do concello. Como noutros anos, os ocos que queden libres poden ser solicitados ao longo da tempada no telf. 981.49.28.04 da administración do pavillón da Xunqueira.
 
27-09-2022

A segunda “Andaina por Fene” percorrerá este domingo a parroquia de Limodre

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Limodre que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Limodre para este domingo, 2 de outubro, a partir das 10.00 horas. A andaina comezará no local da entidade e percorrerá o Campanario, Prismos, Marco de San Lourenzo, Río Castro, Muíño das Mareas, Almieiras, Rachabordos e Río Sandeu, para voltar ao punto de saída tras percorrer uns 8 quilómetros de dificultade media e cunha duración aproximada de 3 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres ás 13.00 horas) nos teléfonos 696 633 772 – 651 884 692, ou por correo electrónico en asocveclimodre@gmail.com
22-09-2022

Fene acolle este domingo a VIII Ruta BTT Sendeiros de Fene

O Club BTT Fene organiza, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, unha nova edición da Ruta BTT Sendeiros de Fene. Trátase dunha marcha cicloturista federada non competitiva, cunha lonxitude duns 45 kilómetros repartidos entre os concellos de Fene, Cabanas e Neda. A saída está prevista o domingo 25 de setembro ás 9.30 horas do Pavillón Municipal A Xunqueira de San Valentín e a chegada -ao mesmo punto- prevese ao redor das 14.30 horas. Segundo os organizadores, a participación estimada ronda as 200 persoas.
16-09-2022

Quendas de adestramento nos pavillóns municipais para equipos e sociedades do rexistro de entidades

O Concello de Fene acaba de publicar o cadrante de reservas nos pavillóns polideportivos da Xunqueira e do Ramo. Trátase da primeira asignación de quendas, que se efectúa habitualmente no mes de setembro co obxectivo de darlle prioridade no uso das instalacións aos equipos federados pertencentes a sociedades, clubes e entidades que figuran no rexistro municipal de asociacións. A distribución horaria estará en vigor desde o 1 de outubro até o 30 de xuño de 2023. Agora abre un novo prazo entre o 19 e o 27 de setembro para que poidan solicitar tempos de adestramento equipos non federados e particulares. Nese caso deberán achegar a solicitude correspondente -descargable ao pé desta nota-, ben por vía telemática ou de maneira presencial no Concello.
07-09-2022

O Concello de Fene e varias asociacións propoñen andainas para descubrir o territorio

A área municipal de Deportes e varias entidades socioculturais organizan para o arranque do outono unha serie de andainas coas que descubrir a riqueza histórica e paisaxística do territorio fenés. Trátase de saídas de distintas distancias que se completarán en aproximadamente dúas horas de percorrido, pensado para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que irá comentando o que se vaia vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
26-08-2022

As citas para apuntarse nas escolas deportivas municipais empezarán a darse o 1º de setembro

A Concellaría de Deportes informa dos prazos de inscricións nas escolas deportivas municipais de Fene. Isto é, o prazo de matrícula presencial estará aberto do 12 ao 23 de setembro e será obrigatorio pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As citas poderán solicitarse a partir do 1 de setembro; días 1 e 2 para residentes e escolarizadas/os en Fene e do 5 ao 9 para a poboación xeral; chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812.