Novas

02-05-2023

O Concello de Fene organiza para o domingo 14 de maio a súa 28 Milla Escolar

A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a 28 Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 14 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
19-04-2023

O Concello de Fene construirá unha pista pump track en Perlío

O pump track é unha disciplina deportiva que nos últimos anos espertou un grande interese entre a mocidade, sobre todo nos ámbitos urbanos. Basicamente consiste nun circuíto que pode percorrerse en bicicleta ou patín utilizando unicamente o impulso do propio corpo, cun trazado que combina pequenas subidas e baixadas que permiten completalo entre saltos e viraxes espectaculares. O Concello de Fene deseñou unha destas pistas enfocada á iniciación e o nivel medio que se construirá en Perlío, nunha parte da parcela que ocupa actualmente o antigo circuíto de coches radio control. O investimento previsto ascende a 48.350 euros e o consistorio agarda cofinancialo cunha achega da Xunta para equipamentos deportivos.
18-04-2023

Xogando co atletismo

Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios A Xunqueira, O Ramo, Centieiras, Os Casais e Jorge Juan participarán, entre os días 18, 19 e 20 de abril, nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene.
A actividade esta a realizarse nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre.
04-04-2023

Andaina por Sillobre o sábado 15 de abril

Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Sillobre que organizan a Concellería de Deportes e a SRD Agarimo de Sillobre para o sábado 15 de abril, ás 17.00 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 14 de abril ) no teléfono 630 58 96 35.
08-03-2023

San Valentín acolle este sábado o Campionato de Galicia Junior de Judo

Cento cincuenta e catro judokas de 27 clubs de toda Galicia tomarán parte este sábado no Campionato Galego Junior de Judo que organiza a Federación Galega de Judo e D.A. coa colaboración da AD Judo Ferrolterra, Artes Marciais Fene e Concello de Fene. O certame desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 19.30 horas, aínda que o mesmo día en horario de mañá (só para os/as participantes) realizarase a pesaxe, de 13.00 a 14.00 horas. Dende a Concellería de Deportes anímase á veciñanza a asistir como público a este campionato no que se enfrontarán os/as mellores judokas junior de Galicia. A entrega de medallas realizarase ao redor das 19.00 horas.
14-02-2023

San Valentín acolle este domingo o X Trofeo de Baile Deportivo “Concello de Fene”

Un total de 170 deportistas tomarán parte esta fin de semana na décima edición do Trofeo de Baile Deportivo “Concello de Fene”. Parellas e grupos procedentes de toda Galicia competirán nesta proba, válida para o ranking nacional, que comezará o domingo ás 10.00 horas no pavillón da Xunqueira e que se desenvolverá durante toda a xornada. A entrada custa 8 € aínda que os/as menores de 12 anos poderán acceder ao recinto de balde. 
08-02-2023

Artes Marciais Fene organiza, coa colaboración da AD Judo Ferrolterra e do Concello, unha fin de semana adicada ao judo en Fene

O pavillón da Xunqueira de San Valentín acolle este sábado a xornada “Deporte en idade escolar -Xogade”, da Xunta de Galicia, evento no que tomarán parte ao redor de douscentos judokas de distintos clubes das comarcas de Ferrolterra, Lugo e Santiago. 
Tamen este sábado terá lugar en San Valentín a Liga Galicia Rías Altas de judo, na que tomarán parte clubes de Ferrolterra, Coruña, Arteixo, Bergantiños, Santiago, Lugo, A Estrada e Cambre, entroutros. A competición comenzará as 15:30h coa recepción e pesaxe de judokas
 
03-02-2023

En marcha os traballos de reparación e acondicionamento da cuberta do pavillón da Xunqueira

A Concellería de Deportes investirá 33.000 no amaño da cuberta do pavillón de San Valentín co obxectivo de poñer fin ás filtracións de auga que estaban a deteriorar a pista e que, á súa vez, podían supoñer un perigo para os usuarios e usuarias da instalación. As tarefas, contratadas á empresa Instalaciones Deportivas Gallegas S.L. e executadas por Alumatic Norte, consisten no cambio de parafusos desgastados e na suxeición das pranchas da cuberta, así como no cambio dalgunhas delas nas zonas máis deterioradas. (aproximadamente 40 metros cadrados). Os traballos comezaron a pasada semana, coincidindo coa melloría do tempo.
19-12-2022

Abre o prazo de inscrición para o Campa Nadal e para a actividade de patinaxe para persoas adultas e rapazada

Do 19 ao 23 de decembro está aberto o prazo para anotarse no programa de conciliación e deporte Campa Nadal e na actividade de patinaxe para adultos e rapaces/as, que se desenvolverán do 2 ao 5 de xaneiro no pavillón da Xunqueira de San Valentín. As inscricións realízanse no propio pavillón en horario de 9:30 a 13:30h. Máis información nos teléfonos 981 492 804 e 981 340 366.
12-12-2022

Moita actividade cultural durante o Nadal... pero tamén deportiva

Hai uns días, a Concellaría de Cultura do Concello de Fene publicou o amplo programa que vai desenvolver até a chegada dos Reis Magos de Oriente. Porén, a Concellaría de Deportes tamén concentra nestas datas un bo número de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. O ciclo de Nadal botará a andar a vindeira fin de semana coa Gala de Nadal - Exhibición de ximnasia artística do Club Ximnasia Ferrolterra, o sábado 17 de decembro ás 17 horas no pavillón da Xunqueira, e cunha segunda gala de Nadal -Exhibición de patinaxe artística do CPA Inercia, o domingo 18 a partir das 12.00 horas na mesma instalación deportiva. Námbolos dous casos, a entrada será libre e de balde aínda que se convida aos/ás asistentes a colaborar na recollida de alimentos non perecedoiros que promoven as entidades organizadoras.