Encontro de Lavandeiras

Inicio   Que facer   Festas e festivais   Encontro de Lavandeiras

Encontro que ten lugar no mes de maio, organizado pola AVV de Sillobre  SCDR Agarimo.

Actividade para render homenaxe ás antigas lavandeiras e revivir como era o lavado máis ancestral na parroquia de Sillobre no século XIX. O proceso de lavar a roupa duraba unha semana, cada domingo saían os barcos de Ferrol coa roupa sucia das familias máis ricas e da xente da Mariña cara ao peirao de Perlío. Dende alí transportaban a roupa en carros cara aos lavadoiros de Sillobre. O luns as mulleres lavaban a roupa, fregábana, batíana, torcíana e dábanlle contra as laxes, poríana a clareo regándoa con auga. Ao día seguinte recollíanse as pezas para facer a “Bogada” que consistía en meter a roupa nunha bañeira, poñéndolle por riba un mandil ou saba vella; nun pote poñían a ferver auga con cinza e xabón para botarlle por riba. Máis tarde tendíase no enxugadoiro e unha vez seca volvíase a levar ao peirao para devolver a Ferrol ao domingo seguinte.

Durante este encontro, recréase todo o proceso que realizaban as lavandeiras: pola tarde homes e mulleres vestidos con roupa de finais do século XIX saen nun barco dende Ferrol coa roupa sucia cara o peirao de Perlío e dende alí en carros transpórtase a roupa ata Sillobre para proceder á recreación no Lavadoiro de Emérita, onde as lavandeiras se reparten para lavar. No adro da igrexa atópanse os enxugadoiros e no campo ponse a roupa a clareo.

Os asistentes poden gozar dos obradoiros de arte en vivo, pintura, elaboración de xabón, taracea, papiroflexia e outros que se sitúan ao redor da igrexa. Tamén se pode degustar liscos e viño á hora da merenda.