O ciclo “Día de Galicia” ofrece esta noite o concerto de SES

Inicio   Fene hoxe  

Previamente, María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”, dará lectura á declaración institucional no monumento Día da Patria Galega

Tras unha intensa semana de actividades, o ciclo “Día de Galicia” que promove a Concellería de Cultura de Fene para conmemorar o 25 de xullo alcanzará hoxe, 13 de xullo, a súa última xornada. A edil de área, Rocío Bértoa, avanza que o programa previsto comezará ás 20,30 horas no monumento “Día da Patria Galega”. Alí, María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”, dará lectura á declaración institucional. E, xa ás 22 horas, a praza do Alcalde Ramón Souto González albergará o concerto estelar de SES, que presentará en Fene o seu disco “Readmirando a condición”.


Trátase do quinto traballo da cantante coruñesa e nel volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro álbum, “Admirando a condición”, que publicara en 2011.

Este novo CD inclúe ademais un tema inédito -e homónimo-. Un total de doce temas, dos cales once corresponden ó seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “SES” ó seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma, a diferenza do primeiro disco.