Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
14-02-2025

Abre o prazo de presentación de obras para a terceira edición do concurso de banda deseñada de humor Demo Pequeno

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, empresa de referencia na edición de banda deseñada e novela gráfica en galego, volven unir as súas forzas para “achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística”. Baixo esta previsa, ámbalas dúas entidades convocan o III concurso de banda deseñada de humor Demo pequeno.
O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos e mozas galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante) nas seguintes categorías: Infantil, para rapazada de 8 a 11 anos, ou Xuvenil, para mozos e mozas de 12 a 16 anos. Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do domingo 18 de maio de 2025.
14-02-2025

Bases do III Concurso de Banda Deseñada de Humor Demo Pequeno, promovido por Demo Editorial e polo Museo do Humor Xaquín Marín

O premio convócase co obxectivo de achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade desde unha perspectiva humorística. Valorarase a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma.
31-01-2025

O humor retranqueiro de Manuel Ángel Méndez Bellón volta a Fene

A sala de exposicións temporais do Museo do Humor Xaquín Marín acolle a partir do vindeiro luns a mostra “Olladas en ferro”, do escultor Manuel Ángel Méndez Bellón. Ao redor de 30 pezas, realizadas en ferro moldeado e soldado (chapas, tubos, varillas), combinado en ocasións con outros materiais, compoñen esta colección que se basea “en observacións, reflexións e ideas da vida que se me pasan pola cabeza e que mesturan humor, ironía e, como bon galego, moita retranca”. A exposición do artista naronés poderá visitarse do luns 3 ao venres 28 de febrero, en horario: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.
12-12-2024

A exposición Fauna Esencial recala na Casa da Cultura de Fene

O vindeiro luns, 16 de decembro, abre ao público na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene – Museo do Humor Xaquín Marín a exposición Fauna Esencial, promovida por Afundación (Obra Social Abanca). Trátase dunha exposición fotográfica que propón “unha viaxe enriquecedora a través da diversidade e a esencia mesma da nosa vida silvestre”. Ademais, a colección encádrase no programa solidario “Cultura por alimentos” que a Obra Social de Abanca desenvolve coa colaboración da Federación Española de Bancos de Alimentos para axudar aos Bancos de Alimentos locais. Así, convídase ás persoas que se acheguen a visitar a mostra a colaborar depositando a súa doazón de alimentos non perecedoiros ao acceder á mesma.
26-11-2024

Os “Contos de defuntos (e outros asuntos)” de Brais das Hortas pechan este venres o Novembro, mes do Humor

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene pon broche este venres, 29 de novembro, ao ciclo de monólogos de humor co que está a conmemorar o seu 40º aniversario. Desta vez o protagonista será o narrador e músico Brais das Hortas. O espectáculo, titulado Contos de defuntos (e outros asuntos), comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
19-11-2024

O Novembro, mes do humor continúa este venres co espectáculo Eran elas, de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acollerá este venres, 22 de novembro, a terceira función do Novembro, mes do humor, ciclo co que está a conmemorar o seu 40º aniversario. Desta vez o protagonista será o monologuista e actor Avelino González. O espectáculo, titulado Eran elas, comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
13-11-2024

Leti da Taberna na segunda función do Novembro, mes do humor

O venres 15 de novembro continúa o ciclo de monólogos que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene para conmemorar o seu aniversario. Desta vez a protagonista será Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, “taberneira de nacemento e sociosanitaria de formació que en maio de 2020 comezou a subir contidos a TikTok, acumulando a día de hoxe ducias de miles de seguidoras nas redes sociais”. O espectáculo, titulado “Enredada”, comezará ás 20.00 horas. E a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene ese mesmo día a partir das 19 horas. Aforo limitado.
11-11-2024

O alcalde de Fene anuncia unha nova convocatoria dos Premios Curuxa para 2025

Os debuxantes Adrián Dopico López (Premio Curuxa 2024), Lucas Sixto Carballeira (Premio Curuxa Nova 2024) e Iván Mata Tamayo (1º premio na categoría Caricatura) recibiron este venres da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores XXVIII concurso de humor gráfico e caricatura Curuxa do Humor. No acto, o primeiro rexedor fenés louvou o traballo dos premiados, afirmando que “desde o Goberno Municipal de Fene sentímonos moi fachendosos por axudar a difundir - con este premio - a obra dos mellores humoristas gráficos do país”.
07-11-2024

O humorista e actor Pepo Suevos abre este venres o "Novembro, mes do humor" no Museo Xaquín Marín de Fene

Catro espectáculos para público adulto co mellorciño do humor galego protagonizarán as tardes-noites dos venres ao longo do mes de novembro no Concello de Fene. Este venres, coincidindo coa entrega dos Premios Curuxa 2024 dá comezo o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” co que o Museo do Humor Xaquín Marín conmemora o seu aniversario. Todos os espectáculos comezarán ás 20.00 horas e a entrada será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa adulta) na conserxería da Casa da Cultura de Fene, o mesmo día da función a partir das 19 horas. Aforo limitado. O ciclo está organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
04-11-2024

O Museo do Humor Xaquín Marín entrega este venres os Premios Curuxa 2024

Coa entrega dos premios Curuxa 2024, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 8 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Adrián Dopico López, Lucas Sixto Carballeira e Iván Mata Tamayo recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, os representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.