Novas

20-01-2025

A exposición do XVIII Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica xa se pode ver na Casa da Cultura de Fene

A mostra, que inclúe as coleccións gañadoras e unha selección das que se presentaron ao certame, poderá visitarse na sala de exposicións temporais do centro sociocultural fenés até o vindeiro 31 de xaneiro. Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
O pontevedrés Vicente Fraga Fernández foi o gañador en 2024 do certame fotográfico que convoca a Deputación da Coruña. Fraga acadou o galardón por unha colección titulada Alén, a mellor, para o xurado, das 55 que se presentaron ao concurso, un dos máis prestixiosos dos que se conceden en todo o estado. O comité avaliador -formado por Pepe Baeza Gallur, Sandra Balsells, Chema Madoz, Carmen Dalmau, Juan María Rodríguez e pola deputada de Cultura Natividad González- concedeu, ademais, unha Mención de Honra á serie Nordés, do ourensán Miguel Muñiz.
13-01-2025

Avances e desafíos da Intelixencia Artificial no ciclo Contando Ciencia

A doutora en Informática pola Universidade da Coruña, Verónica Bolón Canedo, é a protagonista da primeira charla deste ano no ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración da Concellería de Ensino. A enxeñeira informática e profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC falará este xoves, 16 de xaneiro, na Casa da Cultura de Fene sobre os “Avances e desafíos da Intelixencia Artificial”. A conferencia comezará ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta até completar o aforo. Verónica Bolón Canedo é investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC), amais de académica de número de Academia Joven de España e académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.
03-01-2025

O Concello de Fene ultima os preparativos da Cabalgata de Reis, pendente da evolución do tempo

Coma todos os anos, as Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán Fene este domingo, a poucas horas da noite máis máxica do ano. Se o tempo o permite, a cabalgata dos Reis Magos de Oriente sairá ás 17.30 horas do CCRD de Perlío e percorrerá a Avda. Marqués de Figueroa e a Avda. Naturais ata chegar á Praza do alcalde Ramón J. Souto González (a carón da Casa do Concello) onde recibirán aos nenos e nenas que queirán conversar con eles e transmitirlles os seus desexos.
Perante as previsións de choiva e vento que se anuncian para esta fin de semana, a Concellería de Cultura agardará ate o mediodía do domingo para tomar unha decisión definitiva -da que se informará a través das redes sociais do Concello- sobre o desenvolvemento do desfile que este ano conta con 4 carrozas e un total de 32 paxes reais. O que sí se garante é a Recepción Real e unha festa infantil, baixo carpa, na Praza do Concello, entre as 18.00 e as 20.00 horas.
23-12-2024

A Música das buguinas o venres no CCRD de Perlío

O Local Social do CCRD de Perlío acolle este venres 27 de decembro ás 19.30 horas o espectáculo A Música das buguinas. Un teatro musical de Mamá Cabra e BellónMaceiras dirixido ao público familiar. A entrada é libre ate completar aforo.
20-12-2024

Horario da Casa da Cultura de Fene durante o Nadal

Do sábado 21 de decembro ao martes 7 de xaneiro cambia o horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura de Fene. Así, desde mañá, a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, o Museo do Humor Xaquín Marín, a aula de estudo e sala de exposicións temporais da Casa da Cultura abrirán unicamente en horario matutino, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Ademais, durante as festas, as instalacións permanecerán pechadas os sábados, domingos e festivos  (24, 25, 31 de decembro, 1, 6 de xaneiro).

A partir do 8 de xaneiro retomarase o horario habitual de inverno na Casa da Cultura, Biblioteca e Museo do Humor de Fene.
19-12-2024

Maxia e panxoliñas no arranque do Nadal en Fene

As actividades de Nadal que organiza a Concellería de Cultura trasládanse esta fin de semana ás sociedades do Concello. O local da AVV de Magalofes acolle este venres, ás 20 horas, o espectáculo de maxia Magic Mateo Show e nas instalacións do CMI Unidade de Fene celebrarase o sábado, ás 20 horas, o XXII Festival de Panxoliñas Concello de Fene. Tamén se anuncia para este venres, ás 17 horas, na Casa da Cultura o Festival de Nadal das Escolas Municipais de Música, coa participación do alumnado das actividades de solfexo, piano e guitarra. A entrada en todos os casos será libre e de balde até completar o aforo. 
17-12-2024

Canta Música, un espectáculo para levar a música tradicional galega ao público infantil a través do canto, do xogo e do baile

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acolle este xoves, 19 de decembro, ás 18.30 horas, o espectáculo de Pablo Díaz e Olga Kirk “Canta música”. Trátase dunha función de bailes, xogos-baile, canto, e música, dirixida a nenas e nenos cunha idade comprendida entre os 4 e os 9 anos. No decurso da mesma, as/os asistentes participarán de xogos bailables tradicionais e de bailes e cancións dunha maneira activa, rematando o espectáculo cunha gran muiñeira conxunta. A entrada será libre e de balde até completar o aforo.
17-12-2024

Fene abre este mércores o prazo para inscribirse como Paxes Reais na Cabalgata das SS.MM Os Reis Magos de Oriente

As familias dos/as pequenos, de entre 6 e 12 anos, que desexen participar como paxes reais, terán que entregar debidamente cuberto o formulario de solicitude -que se pode descargar na web www.fene.gal- no Rexistro Xeral do Concello, en días laborables, de luns a venres de 8:30 a 14:00 h, entre o 18 e o 29 de decembro. A selección dos paxes reais realizarase por orde de inscrición e o aforo é moi limitado.
16-12-2024

Fauna esencial, unha viaxe enriquecedora a través da diversidade da nosa vida salvaxe

Xa se pode visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición Fauna esencial, promovida por Afundación-Obra Social Abanca. A mostra inaugurouse este mediodía con presenza do alcalde de Fene, Juventino Trigo, do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e dos concelleiros Alejandro Dopico, Eloy Rico e María Ares. En representación das entidades organizadoras, asistiron: o coordinador institucional de Abanca, José Manuel Vilariño, a directora de zona de Abanca, Begoña Caamaño, o director da oficina de Abanca Fene, Jesús Valerio e a responsable da sede de Afundación Ferrol, Paula Ferreiro.
16-12-2024

Os monicreques de Inacio Vilariño recrean a historia do Apalpador este mércores na Casa da Cultura de Fene

Cal é a orixe do Apalpador? Por que un carboeiro do Courel decidiu dedicar a súa vida a sorprender cada fin de ano con pequenos agasallos aos pequenos con menos recursos? En O castiñeiro do Apalpador, espectáculo que Inacio Vilariño ofrecerá na Casa da Cultura de Fene este mércores ás 18.30 horas, un carboeiro que se alimenta unicamente dos froitos do seu castiñeiro (e que as xentes chaman o Apalpador) conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.