Novas

10-06-2026

Listado admitidas/os e lista de agarda Verán Máis Alá 2026

Unha vez aplicados os criterios de baremación establecidos nas bases, a Concellería de Cultura de Fene vén de adxudicar as prazas do campamento lingüístico e de conciliación Verán máis alá! As nenas e nenos que non obtiveron praza, quedan en lista de agarda. No caso de que se produzan baixas trala publicación da listaxe, contactarase coas familias suplentes para cubrir todas as prazas.

Tal e como especifican as bases de matriculación, nos listados inclúense os números de rexistro da orde de inscrición que se facilitou ao efectuar a matrícula (nas presenciais) e o número de rexistro de entrada na sede electrónica (no caso das solictudes telemáticas) coas iniciais da persoa admitida ou en lista de agarda.
08-06-2026

A Fundación Rosalía presenta este mércores en Fene o número 10 da revista Follas Novas de Estudos Rosalianos

A Fundación Rosalía de Castro presenta este mércores 10 de xuño, ás 19 horas, na Casa da Cultura de Fene, o último número da revista Follas Novas de estudos rosalianos, que chega así ao número 10 con artigos variados sobre o universo rosaliano, desde a monumentalización do seu sepulcro, un estudo sobre a súa presenza en filmes, ou mesmo o imaxinario vampírico na súa obra, entre outros moitos.
08-06-2026

Feira literaria, charlas e presentación de novidades nas III Xornadas Literarias do Pote que se celebrarán este venres

"Converter o noso Concello nun espazo de encontro arredor da cultura, da lectura e da creación literaria de autores e autoras galegas". Con este obxectivo naceron as Xornadas Literarias do Pote que organizan a Concellería de Cultura do Concello de Fene xunto coa ACRD O Pote de Maniños e AETNA. A terceira edición deste encontro, que cada ano vai medrando e afianzándose, terá lugar este venres, 12 de xuño, a partir das 18.00 horas, nunha carpa instalada a carón da entidade de Maniños. Nesta terceira edición das xornadas, un dos principais atractivos será a presentación da obra gañadora do último Premio Xerais 2025, Mulleres que viven xuntas, a cargo da súa autora, Abril Camino. Pero ademais, nesta ocasión participarán no encontro: Óscar Reboiras (A agonía das folerpas) e Rober Cagiao (autor de Cadea de favores e A Dama de Amboto) para falar da novela negra na Galiza; Rodrigo Costoya (Fillos de Gael e O século do milagre) coas súas aventuras medievais e do Camiño de Santiago; e Fran Alonso (Cáncara), responsable de Edicións Xerais. As persoas que asistan a estas III Xornadas Literarias do Pote tamén poderán visitar a feira literaria que se instalará a partir das 18.00 horas nos arredores do Pote, coa participación de autores e autoras de Ferrolterra e arredores. Feira organizada coa colaboración da Asociación Galega de Escritores e Escritoras (AGER) e de Imprenta Sanesteban. 
04-06-2026

Reserva de prazas para as escolas culturais e deportivas municipais do Concello de Fene 2026-27

As Concellerías de Cultura e Deportes abrirán o vindeiro 9 de xuño -para o alumnado matriculado no mes de maio´26, nas culturais, ou no mes de xuño´26, no caso das deportivas- o prazo de reserva de prazas para o vindeiro curso nas escolas de música (solfexo, piano e guitarra), piscina, pavillóns, kárate e judo. As solicitudes tramitaranse presencialmente no Pavillón da Xunqueira de luns a venres de 8.30 a 14.00 horas e o 10, 17 de xuño e 1 de xullo, tamén en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas.
O alumnado de Fene poderá realizar a súa reserva do 9 ao 19 de xuño e o de fóra de Fene ou de Fene terá de prazo do 22 de xuño ao 2 de xullo.
01-06-2026

Festival das Escolas Municipais de Piano, Solfexo e Guitarra do Concello de Fene

A Concellería de Cultura organiza para este venres, 5 de xuño, o festival de clausura das escolas de música ás que asistiron ao longo do presente curso escolar trinta e catro persoas.
O certame comezará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actuará o alumnado de piano e guitarra, interpretando temas clásicos e composicións tradicionais.
25-05-2026

A Biblioteca Municipal de Fene continúa a festexar o Día das Letras Galegas cunha sesión de circo entre libros

Malabares con pelotas, equilibrios, clown, humor e contos mesturaranse este xoves, 28 de maio, ás 18.00 horas, na Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene nun espectáculo titulado Circo na biblioteca, a cargo do mago Dani Blanco. A función, organizada no marco do programa Ler Conta Moito, encádrase na conmemoración do Día das Letras Galegas que a biblioteca fenesa xa iniciou a pasada semana cunha exposicion bibliográfica adicada a Begoña Caamaño.
A entrada para este espectáculo, dirixido a público familiar, será libre e de balde até completar o aforo.
21-05-2026

A Concellería de Cultura presenta parte da súa programación anual, un amplo abano de propostas totalmente de balde, dirixidas a todos públicos.

O Concello de Fene ven de acollerse un ano máis ás convocatorias de Cultura no Camiño (AGADIC) e Ler Conta Moito da Xunta de Galicia e a Rede Cultural da Deputación da Coruña para o ano 2026. Entre estas tres subvencións e os fondos propios, a Concellería de Cultura organiza a meirande parte da programación cultural anual do Concello. Trátase dun amplo abano de propostas totalmente de balde, dirixidas a todos públicos.
18-05-2026

As III Xornadas Literarias do Pote traerán a Fene á gañadora o Premio Xerais 2025, Abril Camino

A Concellería de Cultura do Concello de Fene xunto coa ACRD O Pote de Maniños e AETNA organizan unha nova edición das Xornadas Literarias do Pote (Maniños). A cita será o venres 12 de xuño a partir das 18.00 horas e incluirá presentacións de libros, charlas e feira literaria.
As Xornadas Literarias do Pote naceron “coa vontade de converter o noso concello nun espazo de encontro arredor da cultura, da lectura e da creación literaria de autores e autoras galegas”. Un dos principais atractivos do encontro será a presentación da obra gañadora do último Premio Xerais 2025, Mulleres que viven xuntas, a cargo da súa autora, Abril Camino. Pero ademais, nesta ocasión participarán no evento: Óscar Reboiras (A agonía das folerpas) e Rober Cagiao (autor de Cadea de favores e A Dama de Amboto) para falar da novela negra na Galiza; Rodrigo Costoya (Fillos de Gael e O século do milagre) coas súas aventuras medievais e do Camiño de Santiago; e Fran Alonso (Cáncara), responsable de Edicións Xerais.
15-05-2026

Concerto de As Pías no acto de presentación do libro gañador do XXXVIIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a presentación de Vestiario, poemario co que Paula Currás Prada gañou o XXXVIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé que organiza a entidade fenesa coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior. O acto comezará ás 20.30 horas, con entrada libre e de balde até completar aforo. Ao remate actuará o grupo As Pías, concerto organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
As Pías é un grupo de música tradicional galega de corda e vento que interpreta pezas tradicionais galegas arranxadas: de cancioneiros, de composición propia e de autores/as amigos. Tocadas con instrumentos tradicionais de corda mas tamén de vento como a requinta, o pito e a gaita galegas, ten tamén pezas cantadas tradicionais do repertorio galego e portugués.
04-05-2026

O Concello de Fene anuncia unha nova edición do campus Verán Máis Alá

Verán Máis Alá! é un programa dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2014 e 2022 (idades de referencia de 3 a 12 anos) que resida ou estude en Fene. Desenvolverase do 1 ao 31 de xullo dividido en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 e a segunda do 16 ao 31 de xullo, podendo inscribirse nas dúas ou só nunha. Haberá dúas modalidades: Bos días!, con entrada entre as 08.00 e as 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas; e Máis alá!, con entrada ás 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas.
Terán prioridade os/as participantes empadroados/as no Concello de Fene (como mínimo dende o 30 de abril de 2026) sobre os que estudan no termo municipal. Os nenos e nenas que non estean empadroados en Fene ou que non estiveran matriculados no curso académico 2025/2026 nalgún dos centros de ensino do concello non poderán participar no programa.
A matrícula provisional poderá realizarse por medios telemáticos, na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/), desde as 08.00 horas do xoves 28 de maio ata ás 14.00 horas do luns 1 de xuño de 2026. Ou de maneira presencial, no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44, entresollado) do 3 ao 5 de xuño.