Novas

22-04-2025

O Mago Rafa achegará este xoves a maxia dos libros ás crianzas de Fene

Abracalibro é o nome do espectáculo co que a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Paralle festexará o xoves, 24 de abril, o Día do Libro. A función, organizada no marco do programa Ler conta moito, comezará ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura e, para asistir, cómpre inscribirse esta tarde ou mañá na propia biblioteca ou por teléfono (981 342 302), de 16 a 21 horas.
14-04-2025

Cambio de horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada Semana Santa, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o sábado 12 de abril e até o vindeiro 21 de abril, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.

A partir do martes 22 de abril o horario será o habitual de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
02-04-2025

EXPOSICIÓN do XVIII Premio Internacional Jesús Núñez na Casa da Cultura de Fene

Do 4 ao 22 de abril a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene acollerá a exposición do XVIII Premio Internacional Jesús Núñez, convocado pola Deputación da Coruña. A mostra recolle unha selección dos mellores traballos presentados a este concurso internacional de arte gráfico. Nesta edición houbo 118 participantes, dos cales 58 foron españois (15 madrileños e 13 galegos) e os 60 restantes procederon doutras 18 nacionalidades, sobre todo de México (14), Italia (11), Arxentina (9) e Polonia (8).  

O Premio Internacional Jesús Núñez pretende poñer en valor o talento creativo e a figura do artista Jesús Núñez, así como apoiar a novos talentos nacionais e extranxeiros da arte gráfica. 
O traballo que resultou gañador desta edición foi  "10 grados", de Juan Carlos Escudero García, obra que pon ao espectador ante a inmensidade da representación dunha vista aérea e etérea do océano e a concreción da fluidez da auga como elemento. Tamén se outorgaron dous accesits a Mateusz Patrzyk por "Painbody" e a Maite Pinto, por "Vero Over".
Horario de visitas á exposición: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas (agás durante a Semana Santa que o horario será: de luns a venres, de 10 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, pechado)
01-04-2025

Investigando o lado escuro do sistema inmunitario, tema da derradeira charla de Contando Ciencia

A doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas Iria Gómez Touriño será a protagonista este xoves da última charla do ciclo Contando Ciencia 2024-25, que organiza a biblioteca O segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A confererencia, sobre a investigación ao redor do sistema inmunitario, comezará o xoves 3 de abril ás 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
26-03-2025

“De marzo a marzo” na Liga de Amigos de Barallobre

A Concellería de Cultura de Fene leva este domingo a Barallobre unha representación teatral coa que a compañía Opaí Teatro conmemora os sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. A función comezará ás 19.30 horas no local da Liga de Amigos de Barallobre, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Dirixida por Cristina Mariño, “De marzo a marzo” conta coa participación no reparto de: Juani Hernández, José Piñeiro, Alberto V. Graña, Franki Muíño, Marga G. Pita, Carmen Caeiro, Miguel Curveira, Alexis Sequeiro, Alba Santalla e Luís Pillado.
18-03-2025

Aberto o prazo de inscrición na primeira ruta das camelias

O Concello de Fene abre o prazo de inscrición á primeira ruta por algúns dos xardíns de camelias máis espectaculares de Galicia, isto é, a finca de Rivera Arnoso na Armada e a finca de Abelardo Seoane en Magalofes.
Será o vindeiro día 29 de marzo, e para reservar praza teremos que chamar ao Departamento de Cultura: 981 34 03 66. Hai 50 prazas. O prazo de inscrición empeza hoxe e remata o día 28 de marzo ou cando se esgoten as prazas. 
10-03-2025

O autobús do teatro volta ao Concello de Fene

O Concello de Fene colabora un ano máis co Programa de Mobilidade do Centro Dramático Galego, iniciativa pola que se fretan autobuses a diferentes municipios galegos para achegar a veciñanza ás representación teatrais que se desenvolven no Salón Teatro de Santiago. A cita para os/as feneses será o venres 4 de abril, con saída ás 15 horas da Avda. do Concello e retorno aproximado sobre as 21 horas. A representación da obra “A burra, a mesa e o pau” comezará ás 18 horas e o prezo da entrada ascende a 5 euros (autobús de balde).
Para asistir á representación haberá que inscribirse antes do 2 de abril no departamento de Cultura e Deportes, por teléfono 981 340 366 ou por correo electrónico a cultura.deportes@fene.gal, indicando nome, apelidos e un número de teléfono de contacto.
04-03-2025

A escritora, música e astrónoma amadora Estíbaliz Espinosa participa este xoves no ciclo Contando Ciencia

Baixo o suxerente título de Multiverso de telescopías, a escritora e astrónoma amadora Estíbaliz Espinosa falará este xoves, 6 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. A conferencia encádrase no ciclo Contando Ciencia que organiza a biblioteca O segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A entrada ao acto será de balde e aberta a todo tipo de público, até completar o aforo.
03-03-2025

Todo preparado para o desfile do Mércores de Cinza

O Concello de Fene organiza un ano máis o desfile de entroido, no que ante a previsión da gran cantidade de comparsas participantes, a Concellería de Cultura informa do cambio de itinerario por motivos de organización e de seguridade viaria, deste xeito as comparsas non pasarán polo cruce de Fene e a Avda. Naturais.

Mantense a concentración das comparsas ás 17.30 horas nas rúas San San Salvador e Avda.do Tarrío, sendo a saída ás 18.00 horas dirección Avda. do Marqués de Figueroa, Rúa da Fraga e Avda. do Concello.

No enlace, adxuntamos  a orde do desfile,  as actuacións no palco e o dispositivo de tráfico da Policía Local. Una vez rematadas as actuacións, procederase á lectura do testamento (este ano realizado pola nosa veciña Paula Carballeira), a queima do Entroido na Avda. do Concello e a tirada dos fogos de artificio no Parque Castelao.
27-02-2025

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene durante o Entroido

A Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público das distintas dependencias da Casa da Cultura de Fene: Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé, Museo do Humor Xaquín Marín, aula de estudo e sala de exposicións temporais, por mor da próxima celebración das festas do Entroido.
Así, o sábado 1 de marzo estas instalacións permanecerán pechadas. O luns 3 e o martes 4, o horario será de 10:00 a 14:15 horas. E o 5 de marzo, Mércores de Cinza e festivo local no Concello de Fene, a Casa da Cultura permanecerá pechada. A partir do xoves 6, reanudarase o horario habitual de inverno da Casa da Cultura: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.