“Reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello” é o principal obxectivo do evento que a Concellería de Deportes de Fene está a organizar para este sábado, 30 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Nesta IV Gala do Deporte están convocados ao redor de 150 deportistas de Fene ou de clubs de Fene que salientan, en palabras do concelleiro de Deportes, Adán Chao, polo seu “esforzo, dedicación, entrega e, en definitiva, polos valores que transmiten a través do deporte”. As persoas que queiran asistir ao acto e arroupar aos deportistas feneses poderán facelo porque a entrada será libre e gratuíta.