Novas

14-03-2024

Máis de douscentos bailaríns tomarán parte este domingo no XI Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene

Volve unha das probas de baile deportivo máis importantes e consolidadas da tempada. O XI Trofeo de Baile Deportivo Concello de Fene celebrarase este domingo no pavillón de San Valentín co aliciente de ser a primeira proba puntuable do ranking nacional en Galicia. A competición iniciarase ás dez da mañá e desenvolverase durante toda a xornada, contando con 4 especialidades recoñecidas pola Federación: Standard/Latino, Single, Caribeños e Danza Coreográfica.
29-02-2024

Fin de semana de judo en Fene cunha nova xornada da Liga Galega Rías Altas e con exames de cinturón branco a verde

Ao redor de cincocentos judokas da Coruña, Lugo e Asturias tomarán parte este sábado, no pavillón de San Valentín nunha nova edición da Liga Galega Rías Altas de Judo. A xornada celebrarase en horario de mañá (de 9:30 a 13:30 h) e de tarde (de 15:30 a 21:30 h) e competirán deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e senior, tanto masculino como feminino. Ademais, o domingo, a instalación deportiva fenesa será o escenario dunha quenda de exames de paso de cinturón entre branco e verde (branco – amarelo – laranxa e verde). Exames aos que se inscribiron unhas cento cincuenta persoas e que terán lugar de 10:15 a 12:30 h.
23-02-2024

O pavillón da Xunqueira acolle este sábado un Torneo Solidario de Fútbol Sala

Organizado polo CMI Unidade de Fene e Soos Maquinaria, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, o torneo incluirá partidos amistosos entre o CMI Unidade de Fene e outros equipos da contorna, amais de actuacións de baile (Revolución UPA), de rock&metal (Keepers) e sorteos de agasallos. Desenvolverase en horario de tarde, de 16 a 20 horas e, segundo informan desde a organización, no devir da xornada venderanse gorras a 5 €. Os cartos recadados con esta venda doaranse integramente á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Entrada de balde.
08-02-2024

San Valentín acolle este sábado o campionato de Preseleccións Provinciais de patinaxe artística

O Concello de Fene colabora co club fenés Buxaina na organización do Campionato de preseleccións provinciais (Coruña e Lugo) de patinaxe artística nas categorías benxamín, alevín e infantil. O evento terá lugar este sábado, 10 de febreiro, no pavillón polideportivo da Xunqueira e contará coa participación de nenas e nenos das dúas provincias, nas súas respectivas categorías, femininas e masculinas.
29-12-2023

Perto de 500 participantes na IX San Silvestre Concello de Fene 2023

A proba terá lugar este sábado, 30 de decembro, a partir das 17:00 horas con saída/meta situada diante do Concello de Fene (na Avenida do Concello). Os/as participantes poderán retirar o dorsal – chip hoxe venres no Salón de Plenos do Concello de Fene (Praza do alcalde Ramón José Souto González) en horario de mañá, até as 13:00 h, e de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Tamén se poderán recoller mañá sábado no salón de Plenos do Concello, de 10.00 a 13.00 e de 15.30 a 16.30 h.
11-12-2023

Aberto o prazo de inscrición para a carreira popular IX San Silvestre Concello de Fene 2023

As persoas que desexen anotarse poden facelo até o 24 de decembro ás 23.59 horas a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo (www.carreirasgalegas.com). A inscrición será gratuíta para todas as categorías de menores e andaina e terá un custo de 3€ para os/as participantes da carreira Absoluta. A proba terá lugar o sábado 30 de decembro de 2023 a partir das 17:00 horas con saída/meta situada diante do Concello de Fene (na Avenida do Concello). Poderán participar todos/as os/as atletas que o desexen, estean federados/as ou non, atendendo ás seguintes categorías: Biberóns (ano de nacemento 2019), Pitufos (2018), Sub 8 (2016-17), Sub 10 (2014-15), Sub 12 (2012-13), Sub 14 (2010-11), Sub 16 (2008-09), Sub 18 (2006-07), Absoluta (2005 e anteriores) e Andaina (todas as idades).






05-12-2023

Cun bautismo solidario de mergullo botará a andar o programa de actividades deportivas do Nadal en Fene

Un ano máis, a Concellería de Deportes organiza para o Nadal unha serie de propostas de entretemento relacionadas coa actividade física compartida en familia. A primeira das actividades incluídas no programa é un bautismo solidario de mergullo, que organiza o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello. A maiores, anúnciase un novo Campanadal, clases de patinaxe para persoas adultas e menores e unha nova edición da carreira San Silvestre. E, como novidade, os “Xogos acuáticos en familia” que xa se celebraron en edicións anteriores, amplían horario e prográmanse para todos os días de apertura da piscina durante as festas.
30-11-2023

O pavillón de San Valentín acolle este sábado o XVIII Trofeo de Judo de Minikatas “ Concello de Fene”

Quince clubs da bisbarra tomarán parte este sábado, 2 de decembro, no XVIII Trofeo de Judo de Minikatas que organiza o Club Artes Marciais Fene coa colaboración da Concellería de Deportes. O encontro desenvolverase no pavillón da Xunqueira a partir das 10:30 horas e contará coa participación duns 300 judokas da comarca de Ferrolterra e da Coruña, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os clubs e deportistas inscritos pertencen maioritariamente aos concellos de Fene, Ferrol, Narón, Cabanas, Pontedeume, Miño, A Coruña, Arteixo e Teixeiro.
21-11-2023

XXXVII edición do Memorial Adolfo Ros - Volta á Ría

O Concello de Ferrol, en colaboración cos Concellos de Narón, Neda e Fene, organiza a XXXVII edición da carreira de media maratón “Memorial Adolfo Ros - Volta á Ría”. 
A saída e a chegada terán  lugar na Estrada de Castela, nas inmediacións da praza de España de Ferrol.
16-11-2023

Xornada de bautismo de mergullo solidario na piscina municipal

A Concellería de Deportes de Fene colabora co Club de Actividades Subacuáticas Nautilus na organización dunha xornada de “Bautismo de mergullo solidario”. Terá lugar o sábado 16 de decembro, de 17 a 20 horas, na piscina municipal de Centieiras e vai dirixida a nenos/as (a partir de 6 anos) ou persoas adultas (sen límite de idade). Ademais, será de balde. O único requisito para participar é aportar un xoguete novo ou de segunda man en bo estado, que se entregará na piscina o día da actividade.