Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz presentan este venres no Museo do Humor "Falar sen cancelas"

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O espectáculo combina humor, maxia e clown

Continúa o ciclo de monólogos organizado pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña no Museo do Humor de Fene. A terceira sesión do “Novembro, mes do humor” traerá a Fene este venres, 17 de novembro, aos humoristas Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz cun espectáculo titulado “Falar sen cancelas”.

A función comezará ás oito do serán e a entrada será de balde. As persoas que queiran asistir ao espectáculo deberán recoller as súas invitacións (máximo dúas por persoa) o mesmo venres a partir das 18.30 horas na conserxería da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Ciclo recomendado para público adulto.

“Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ao conto. En definitiva,que o falar non ten cancelas, sobre todo nun lugar en que cada palabra conta, ás veces por dous, no que o duplo significado abrolla en cada xiro da lingua e a retranca fai rimar humor con historia cada vez que alguén abre a boca”.

Partindo destas premisas, os actores e humoristas Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rey presenta este venres en Fene un espectáculo de “humor galego apocalíptico”, unha “comedia pesimista” producida por Culturactiva SCG e dirixida por Diego Rey. Trátase dunha “comedia trepidante na que a palabra e o humor son os grandes protagonistas”.

Falar sen Cancelas parte da descuberta dun andazo que está acabando coa galeguidade. Tamén os nosos tres humoristas foron atacados por este estrano virus, que fai que non poidan falar galego en público... Incapaces de quedar cruzados de brazos perante semellante problema, os acontecementos van desembocando nun aloucado espectáculo cheo de retranca, improvisación
e reflexións cómicas sobre a galeguidade.