A pintora Flor Taracido trae á Casa da Cultura de Fene “Cores. O reflexo da alegría de vivir”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A artista estará acompañada polo alcalde, Gumersindo Galego, e a edil de Cultura, Rocío Bértoa, na inauguración da mostra, este martes ás 20 h

“Cores. O reflexo da alegría de vivir” é o título da nova exposición que albergará a Casa da Cultura-Museo do Humor durante todo o mes de xullo. Unha mostra coas creacións da pintora ferrolá Flor Taracido que este martes, 3 de xullo, abre as súas portas en Fene. Será nun acto de inauguración presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, que arrancará ás 20 horas con entrada libre.

A partir de entón, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 10 a 14,15 horas. A autora da mesma, Flor Taracido, provén dunha familia de artistas, principalmente de pintores e fotógrafos. Neste senso, dende moi nena foi medrando en ambientes moi creativos. Defínese como “apaixonada da pintura”, unha disciplina á que chegou de xeito autodidacta aínda que logo asistiu a cursos de Artes Plásticas no Centro Santa Teresa de Málaga, e mesmo foi profesora de Plástica en diferentes colexios.

Flor Taracido leva máis de 20 anos experimentando diferentes técnicas: carbonciño, plumilla, pastel, collage e, sobre todo, óleo. En canto ó estilo da súa pintura, asegura identificarse co “fauvismo”, polo seu estilo ledo e vitalista, “un fiel reflexo da miña personalidade e carácter”.

Ó longo da súa traxectoria artística, ten amosado a súa obra en diferentes exposicións, tanto individuais como colectivas, no Pazo da Cultura de Carballo, no Centro Sociocomunitario da Xunta de Galicia en Ferrol, na Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, no Casino Ferrolano ou en Exponav-Museo da Construcción Naval de Ferrol.