A mostra constrúe un percorrido sobre a producción gráfica periodística dos autores, auténticos referentes do humor gráfico galego
O Concello de Fene inaugura este venres a exposición Pinto&Chinto. 25 anos
Museo do Humor DixomedíxomesO acto, na Casa da Cultura-Museo do Humor, dará comezo ás 20 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e con entrada libre
07-11-2018
Pinto&Chinto. 25 anos é o título claro e conciso da nova exposición que este venres, 9 de novembro, inaugura o Concello de Fene na Casa da Cultura sobre a obra de dous dos maiores referentes do humor gráfico galego. Unha mostra orixinal e sorprendente que constrúe un percorrido sobre a producción gráfica periodística de Pinto e Chinto –David Pintor e Carlos López- a través dunha reinterpretación da impresión rotativa.
O acto terá lugar a partir das 20 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, coa presenza dos artistas e a invitación a toda a veciñanza para que se achegue a unha mostra que, de seguro, sorprenderá a todo o mundo.
Producida polo Museo do Humor, o deseño e realización da mesma correu a cargo da empresa Costa Comunicación Visual e poderá visitarse ata o vindeiro 31 de decembro.
A partir do venres, e ata o 23 de decembro, a mostra poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, namentras que os sábados estará a disposición do público de 10 a 13 horas. Ese horario, coincidindo coa época de Nadal, modificarase do 24 ó 31 de decembro, cando estará aberta de luns a venres de 10 a 14,15 horas.
Cunha traxectoria dun cuarto de século no humor gráfico, Pinto&Chinto son un auténtico referente do humor gráfico galego e a súa obra, un testemuño do acontecido en Galicia, España e o mundo nos últimos anos. Un traballo que, sen dúbida, se ten convertido en elemento clave do xornalismo. Agora, o Museo do Humor de Fene brinda ó público unha oportunidade única para achegarse a el.