O ciclo de monólogos continúa este venres co actor Marcos Pereiro e a súa experiencia sobre "Como ser armario empotrado"
Museo do Humor Dixomedíxomes08-11-2018
O monólogo dará comezo ás 21 horas, trala inauguración da exposición de humor gráfico
O ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa continúa este venres, 9 de novembro, da man do actor Marcos Pereiro e as súas claves sobre "Como ser armario empotrado". Terá lugar no Museo do Humor de Fene, con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite –dúas por persoa-, o mesmo venres a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura. A función dará comezo ás 21 horas, trala inauguración da exposición "Pinto&Chinto. 25 anos” prevista para ese mesmo día ás 20 horas.
‘Como ser armario empotrado’ é o título dun divertido monólogo sobre a experiencia do propio protagonista nun particular ximnasio. Que estar en forma está de moda é un feito. Que lle pregunten se non a Marcos Pereiro, asiduo cliente dos mellores ximnasios: aqueles nos que hai toallas de balde para secar a suor, monitores con nomes de nivel, e clientes da categoría de, por exemplo, Armario Empotrado, a quen Pereiro prestou especial atención durante meses, collendo recortes, para poder contalos nos mellores escenarios de Galicia.
Unha oportunidade para gozar coas historias de Pereiro na que está a ser a súa primeira aventura en solitario sobre os escenarios, logo de compartir durante anos diferentes espectáculos con compañeiros e amigos como Xosé A. Touriñán ou Federico Pérez.
Marcos Pereiro é actor desde moi novo. Xunto con Touriñán deuse a coñecer desde o escenario do Luar, na Televisión de Galicia, no que foi o primeiro de decenas de traballos no audiovisual, entre os que destacaron Terra de Miranda, Air Galicia, Vilamor,Tourilandia, A Casa da Conexa ou Buscando Ardebullo. Como Nucha, das Cantareiras de Ardebullo, percorreu centos de verbenas, e desde o pasado ano forma parte do elenco de O Tolleito, un texto teatral de Cándido Pazó que recolle sensacionais críticas e co que aínda xira polos teatros de toda Galicia.
A función, organizada polo Concello, conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.