A función celebrarase a partir das 20 horas e a entrada é gratuíta, previa retirada de convite, o mesmo venres, na Casa da Cultura
21-11-2018
Baixo o título “Que Morro!!!!, Caxoto participará este venres en Fene no ciclo de monólogos "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa. Será a partir das 20 horas con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite –dúas por persoa-, o mesmo venres a partir das 18,30 horas na conserxería da Casa da Cultura.
Nesta sesión para público adulto Caxoto Contacontos fai un percorrido polas fontes da tradición oral galega, pola historia, pola literatura contemporánea para achegar a seu peculiar punto de vista da vida e da morte. Un espectáculo para pasar medo e morrer de risa, para sentir en carne propia as emocións que sempre estiveron presentes nos contos da lareira e nos contos para durmir. Historias dos nosos devanceiros, costumes tradicionais, feitos históricos relevantes, grandes descubrimentos... en 60 minutos que pasarán como un suspiro. Un suspiro de morte...
Felipe Díaz (Caxoto) é a persoa que se atopa detrás do mostrador da Trastenda. Dende sempre ligado ó espazo escénico ben a través da música, do baile tradicional ou do teatro, Caxoto entra en contacto coa oralidade coa súa chegada á Editorial Kalandraka. Aínda que comeza como mozo de almacén ese mesmo ano asumirá o reto de ser contador na campaña de animación á lectura que durante 4 meses o leva por colexios e Bibliotecas de toda a xeografía galega.
A partires de aí comeza un longo camiño cheo de interesantes paradas no que ir definindo o contador que chegará a ser. Neste período realiza cursos de narración oral con algunhas das figuras máis relevantes da narración oral en Galicia como Paula Carballeira, Cándido Pazó, Campanari, Mercedes Hernández… participa activamente na posta en marcha do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, no que comparte escenario con todos eles e moitos outros contadores/as de todo o mundo (Uruguay, Francia, Camerún,...). En canto á súa traxectoria como narrador Caxoto Contacontos percorreu varias veces toda a xeografía galega con algunhas incursións no resto de España.
A función, organizada polo Concello, conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.