Laura Bouza inaugura este venres na Casa da Cultura a mostra “Des_amparo”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A exposición de pintura e debuxo adéntrase na evolución e fases do alzheimer e convida ó público a poñerse no lugar do outro

A Casa da Cultura de Fene inaugura exposición este venres, 11 de xaneiro. A artista Laura Bouza trae ó municipio a súa mostra “Des_amparo”, que poderá visitarse durante todo o mes. Ata o día 30, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, namentras que os sábados, de 10 a 13 horas. O acto de inauguración, con entrada libre, celebrarase mañá venres, ás 20 horas, e contará coa asistencia da creadora, ademais do alcalde, Gumersindo Galego, e da concelleira de Cultura, Rocío Bértoa.


“Des_amparo” é unha exposición de pintura e debuxo que se adentra na evolución e fases do alzheimer, enfermidade sobre a que xira toda a mostra. “Des_amparo” fala “do outro, do descoñecido, do ausente, da fraxilidade das persoas…”. Convida ó público a poñerse no lugar do outro a través da primeira persoa da artista. A perda de identidade e a procura constante do “eu” lembra, a través das pinturas e debuxos de Laura Bouza, que a morte é a fin da vida pero non o límite do humano porque a Arte convértenos en inmortais.