A pintora Carmen Prado trae a súa mostra “Novos PersonaXes” a Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A apertura da exposición terá lugar este xoves 2 de maio ás 19 horas na sala de exposicións da Casa da Cultura de Fene e, a partir de entón, poderá visitarse ata o 14 de maio de luns a sábado

A pintora Carmen Prado exporá a súa obra na Casa da Cultura de Fene. Este xoves ás 19 horas abrirase ao público, coa presenza da artista, a mostra de pintura “Novos PersonaXes”. E, a partir de entón, poderá visitarse ata o 14 de maio de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas e, os sábados, de 10 a 13 horas.


No 2015 nace a mostra “Mademoiselles e outros personaxes” que se presenta por primeira vez no Hospital Lucus Augusti de Lugo. Nestes catro anos as “mademoiselles” (un total de vinte) foron quedando por algures. Cada unha delas foi decidindo o seu destino (como non podía ser doutro xeito) e algunha atópase ben lonxe (Marrocos, Francia, Irlanda, Dinamarca…). No seu lugar vanse incorporando novos PERSONAXES cheos de cor, tal e como Carmen os ve e os sinte. Seguen a ser maioritariamente figuras femininas (a prensa xa comeza a denominala “a pintora das mulleres”) que, de seguro, voltarán a sorprender.