A Casa da Cultura alberga a mostra do alumnado da Escola Infantil A Galiña Azul “Pequenas crianzas coa arte”
Museo do Humor DixomedíxomesPoderá visitarse dende o 16 de maio e ata o día 30 do mesmo mes
15-05-2019
A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene inaugurará mañá xoves unha mostra moi especial baixo o título "Pequenas crianzas coa arte", do alumnado da Escola Infantil A Galiña Azul do municipio.
Permanecerá ata o 30 de maio nas instalacións culturais e o horario de visitas será de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.
Así mesmo, o xoves 23 de maio, todo o alumnado da Escola Infantil realizará unha visita á exposición da Casa da Cultura e á biblioteca. Será en horario de mañá.
No mes de maio o centro inicia a programación "O Tempo das Artes", onde a música, a pintura, o teatro, a danza e a poesía teñen un pouco máis de relevo ca de costume.
As crianzas son grandes artistas que gozan mergullándose en cores, formas, texturas e sons que aloumiñan os seus sentidos. Actuacións musicais, contacontos, dramatizacións e obradoiros coas familias son o previo á exposición "Pequenas Crianzas coa Arte" na que se poderán contemplar cadros e esculturas.