Fene conmemora o Día dos Museos co espectáculo “Un show a cobro revertido”
Museo do Humor Dixomedíxomes16-05-2019
A cargo de Las niñas de la risa, terá lugar este sábado ás 20 h no Museo do Humor
Fene conmemorará o Día dos Museos co espectáculo “Un show a cobro revertido”, a cargo de Las niñas de la risa. Terá lugar este sábado, 18 de maio, ás 20 horas, no Museo do Humor. A entrada é libre ata completar aforo e a cita, que organiza o Concello, conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.
“Las niñas de la risa”, o dúo formado polas cómicas Ángela Triana e Diana Sieira, trae esta divertida función na que unha chamada a cobro revertido, a priori, non pinta ben. Ninguén te chama a cobro revertido para darche unha boa nova! O máis probable é que esa chamada se faga dende a comisaría.
Pero o que é seguro, é que che contarán algo que lembrarás toda a túa vida! Triana usará a súa chamada para poñer a caldo ao seu veciño que se fixo influencer e agora só come tostadas de aguacate. Sieira usará a súa chamada para falar dunha caixa de chocapics que flota no Universo.
As artistas
Ángela Triana caracterízase polos seus monólogos de humor irónico baseados na vida cotiá. É recoñecida como unha das mellores monologuistas polas voces máis veteranas da profesión en Galicia. Realizou programas musicais e magazines en Cuac FM durante 10 anos e publicou tres libros (Celebra la Tormenta, Al Sur de lo Real e Cómo convertirse en capitán). Foi gañadora do 2º premio no I Certamen de comedia de Bitácora Santa Cristina en 2016.
Diana Sieira é unha todoterreno formada en teatro, canto, danza, cabaret, producción… O seu humor rezuma unha frescura inverosímil para dicir aquelas cousas que moitos pensan pero poucos se atreven. Leva enriba das tablas dende 2005, e facendo monólogos cómicos dende 2013. Actualmente o público pode vela tamén en TVG presentando e dirixindo a sección de circo de Luar. Foi gañadora do 2º premio no I Certamen de Monólogos de Betanzos en 2015 e finalista no Concurso de Monólogos La Tuerka 2013.
Xuntas comparten aventuras desde que se coñeceran no Nadal de 2016. A
súa química dentro e fóra da escena levounas a formar este dúo de comedia baseado en dous tipos de humor totalmente diferentes e 100% complementarios. Sen aditivos, colorantes nin conservantes. E así, teñen xirado por Coruña, Vigo, Santiago ou Rianxo.