Asier Sanz e Javier Jareño López, gañadores do XXIII Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene
Museo do Humor DixomedíxomesA entrega dos galardóns celebrarase o 27 de setembro coincidindo coa inauguración na Casa da Cultura da exposición dos Premios Curuxa 2019
17-07-2019
Tras unhas deliberacións reñidas pola magnífica calidade dos traballos presentados, o xurado do XXIII concurso de humor gráfico Curuxa do Humor emitía este mediodía o seu fallo: Asier Sanz resultaba gañador do primeiro premio da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) e Javier Jareño López Cuervo era galardoado co primeiro premio da Curuxa Nova (de 16 a 25 anos). Así mesmo, Sandra Lodi e Bea Gregores alzábanse co segundo premio na categoría Gráfica e Nova respectivamente.
O certame, organizado pola Concellería de Cultura de Fene, busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
O alcalde e presidente do xurado, Gumersindo Galego, avanzaba esta mañá que o 27 de setembro o Museo do Humor inaugurará unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria, coincidindo co acto de entrega dos galardóns, dotados no caso da Curuxa Gráfica con 2.000 euros e diploma (primeiro premio) e 1.500 euros e diploma (segundo premio) e no caso da Curuxa Nova con 1.000 e 500 euros para o primeiro e segundo premio respectivamente, xunto ó diploma. Ademais, na web do Museo (http://museodohumor.fene.gal) habilitarase tamén dende ese día unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso nesta edición. O xurado estivo integrado, amais de polo alcalde, pola concelleira Rocío Bértoa; a responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos José Antonio Rodríguez López, “Gogue”; Fernando Iglesias Mouta, “Kohel”, e Ana Martínez Fernández. Estes últimos, gañadores do certame en 2018.
AS VALORACIÓNS
Respecto aos gañadores do Premio Curuxa Gráfica, o xurado valorou o compromiso, a denuncia e o humor negro da obra de Asier Sanz, presentada baixo o título “Leo” e o título “Refugiados y migrantes”. Da obra de Sandra Lodi, titulada “Se tan bo é ha facer bo lume”, destacou "cómo reflicte a diferenza de utilidade das cousas segundo as diferentes xeracións, conectando cunha certa tradición do humor gráfico galego".
En relación aos gañadores do Premio Curuxa Nova, o xurado destacou do traballo de Javier Jareño López Cuervo, presentado baixo o título “Para sempre” e o lema “Carpe Diem”, a poética e a mensaxe como representación naif do amor en tres fases, así como a sinxeleza do plano, plano fixo e sen necesidade de artificios. Da obra titulada “Brecha xeracional”, co lema “Greg Rodrik”, de Bea Gregores, o xurado salientou a sinxeleza do trazo, moi na liña “tintinesca”. Trátase dunha tira ao estilo da tira americana de prensa, cunha especie de recreación actual da Mafalda de Quino.