26-07-2019
Os maiores da Residencia Domus Vi Laraxe de Cabanas visitaron esta semana o Museo do Humor de Fene. Un centro singular e único en Galicia que na actualidade amosa ao redor de 300 orixinais de humoristas gráficos galegos e de todo o mundo.
Unha visita ao Museo do Humor de Fene permite, en primeiro lugar, achegarse á figura do que foi o seu principal impulsor, o debuxante Xaquín Marín. Con este punto de partida, o percorrido polas distintas salas do museo proporciona aos visitantes un contacto cos principais referentes do humor gráfico galego, nacional e internacional. Desde os clásicos como Xaquín Marín, Siro, Reimundo Patiño, Quesada ou Forxán, aos actuais como Luís Davila, Pinto&Chinto, Andrés Meixide, Kiko Dasilva, Leandro Barea ou Miguelanxo Prado.
Ademais, o Museo do Humor de Fene conta cun recuncho reservado á caricatura e con dúas salas temáticas adicadas, por un lado, ao humor negro e, por outro, á banda deseñada.
E, aínda que o humor gráfico, nas súas diferentes vertentes, continúa a ser o elemento central sobre o que xira a exposición permanente do Museo do Humor, nas súas dependencias amósanse tamén: obxectos graciosos ou curiosos como as figuras do "Galego nas escaleiras", a "Cabeza galega", o "Gaspariño", o "Carrabouxo", o "Trono do demo"...; espellos cóncavos e convexos nos que os visitantes poden rir a esgalla, observando a súa imaxe deformada; a colección de pedras e obxectos de uso cotiá, pintadas por Serafín (doazón de D. José Luís Olavarría), ou diversas publicacións como as coleccións do "Sapoconcho" (revista do Museo do Humor", "Retranca" ou exemplares antigos de"La Codorniz" ou "El Jueves".