Manquiña ofrecerá os seus “Relatos Negros” este venres no Museo do Humor
Museo do Humor Dixomedíxomes04-11-2019
A función enmárcase no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que organiza a Concellería de Cultura de Fene co apoio da Deputación
Dará comezo ás 20 horas con entrada de balde previa retirada de convite –máximo dous por persoa- o mesmo venres dende as 18,30 h
Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, participará este venres en Fene no ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor”, que organiza a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. Traerá os seus “Relatos Negros” nunha función que arrancará ás 20 horas no Museo do Humor fenés baixo a dirección de Darío Autrán. A entrada é de balde ata completar aforo, previa retirada de convite –máximo de dous por persoa- o mesmo venres a partir das 18,30 horas.
Manuel Prieto Comesaña, máis coñecido como Manquiña, saltou á fama con “Airbag” (Bajo Ulloa, 1997) e participou noutras comedias españolas como a taquilleira “Torrente, el brazo tonto de la ley”. Comezara a súa carreira na TVG con diversos programas humorísticos e no cine, ás ordes de directores galegos como Antonio Blanco e Xavier Villaverde. Protagonizou “Lena”, rodada en Vigo, a súa cidade natal. Cunha trintena de filmes ás costas, fixo ademais monólogos de humor e presentou e cantou en xiras musicais de Siniestro Total e do Xabarín Club.
A súa traxectoria está cargada de premios e recoñecementos. Así, entre eles, a curtametraxe “El figurante” valeulle tres premios á mellor interpretación masculina en distintos festivais: no IV certame de curtametraxes de Antequera (2001), no XXIII festival de cine independente de Elxe, e na XII semana de cine de Aguilar de Campo. Tamén mereceu unha nominación ao premio Goya como actor revelación polo personaxe Pazos na longametraxe “Airbag”.
Traerá este venres a Fene os seus Relatos Negros, unha divertida obra teatral sobre unha das fascinacións máis antigas do home: o asasinato. Todos temos un hobby, algo co que encher o noso tempo: a uns gústalles ir pasar a tarde xogando ao golf, outros coleccionar selos e a outros, por exemplo, ir á piscina. Pero a Manquiña o que lle gusta é coleccionar historias sobre crimes. Un hobby como outro calquera...
A través do universo escuro, macabro e de humor negro de Roald Dahl o público poderá coñecer tres historias fascinantes que serán moi difícil de esquecer...