O ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” trae a Manquiña este venres a Fene
Museo do Humor DixomedíxomesO popular actor galego ofrecerá os seus “Relatos Negros” no Museo do Humor a partir das 20 horas, con entrada de balde previa retirada de convite –limitada a dúas por persoas- o mesmo venres a partir das 18,30 h
07-11-2019
O ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” continúa mañá venres da man do popular actor galego Manuel Manquiña. Traerá a Fene os seus “Relatos Negros” nunha función que arrancará ás 20 horas no Museo do Humor fenés baixo a dirección de Darío
Autrán. A entrada é de balde ata completar aforo, previa retirada de convite –máximo de dous por persoa- o mesmo venres na conserxería do museo a partir das 18,30 horas.
Trátase dunha divertida obra teatral sobre unha das fascinacións máis antigas do home: o asasinato. A través do universo escuro, macabro e de humor negro de Roald Dahl o público poderá coñecer tres historias fascinantes que serán moi difícil de esquecer...
O ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” está organizado pola Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa co apoio da Deputación provincial a través da Rede Cultural.