Será a partir das 18,30 horas na Casa da Cultura, nun acto aberto á veciñanza e presidido polo alcalde, Gumersindo Galego

Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira asinan a mostra colectiva “Sinerxia 1+1=3” que se inaugura este venres en Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Trátase dunha exposición de pintura, fotografía e escultura

A Casa da Cultura de Fene estrea exposición este venres. Leva por título “Sinerxia 1+1=3” e está integrada por unha selección das obras de pintura, fotografía e escultura de Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira. Aberto á veciñanza, o acto de inauguración terá lugar este venres ás 18,30 horas, presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa asistencia dos creadores.

A partir de entón, poderá visitarse na sala de exposicións temporais ata o 27 de decembro. Horario de visitas (até o 20 de decembro): de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 h. Así mesmo, do 21 ao 27 de decembro (incluídos), a mostra estará a disposición do público de luns a venres de 10 a 14,15 horas.

Así explican os autores o título da expo: Sinerxia procede dun vocablo grego que significa cooperación, e dous elementos cando se unen potencian as cualidades individuais. Se tres persoas con cualidades e gustos diferentes se unen e complementan, o resultado é “Sinerxia. 1+1=3”. Cando unha idea se potencia con outra sae unha terceira. O feito de traballar a tres é enriquecedor non só a título persoal en forma de aprendizaxe, senón en
forma de creación, xurdindo unha obra nova e diferente ao resto.

Así, Juan Sobrino, Malena Carballo e Ladislau da Regueira conforman un grupo que interpreta a materia dende un punto de vista artístico. Traballan nunha asociación artística en Narón chamada Tartares, onde as actividades que realizan van dende a pintura á escultura, da escultura á fotografía, da fotografía á docencia, da amizade á expansión. É un laboratorio de ideas libres, ansiosas de ser materializadas.

Segundo explican, a idea de facer esta exposición é sinxela, como a propia palabra di: é por afán de amosar o que un cree que sabe facer e elixiron Fene polo seu especial vínculo co municipio, onde Malena e Ladislau medraron e pasaron os mellores anos das súas vidas cara a convertirse en adultos, segundo confesan.

OS/AS ARTISTAS

Juan Sobrino (pintura). Tradicional en canto aos medios, pincel e óleo; incriblemente contemporáneo en canto á forma. A través da xeometría, cadrados, rectángulos e triángulos, adéntrase no expresionismo abstracto para interpretar as paisaxes cercanas, a vida de Xesús de Nazaret, persoaxes da mitoloxía grega como Leda, Sísifo ou Pandora, cun sorprendente e laborioso resultado de coñecemento da cor e técnica.

Ladislau da Regueira (escultura). Artista multidisciplinar, mestre e deseñador gráfico. É un artista xa coñecido neste concello tanto pola súa obra como como pola súa labor de mestre. Nesta ocasión participa cunha serie de esculturas realizadas coa técnica de essemblage usada polos dadaístas (1916) e posteriormente polos surrealistas (1924) como protesta contra o arte convencional. Para ás súas composicións, usa elementos comúns da sociedade de consumo, tratando de darlles unha nova vida de continuidade alonxados do destino contaminante que deles fai a sociedade.

Malena Carballo (fotografía) Nesta ocasión a súa obra é Doniños Beach, unha serie de fotografías que se aproximan ao pictorialismo semellando os lenzos de Sorolla, dunha
paisaxe ensoñadora chamada praia de Doniños.