Pepo Suevos pon este venres o broche de ouro ao ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que organiza o Concello
Museo do Humor DixomedíxomesSerá co seu espectáculo “Sobre rodas”, a partir das 20 h no Museo do Humor fenés, e entrada de balde previa retirada de convite
26-11-2019
O ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que organizou ao longo das últimas semanas a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa co apoio da Deputación a través da Rede Cultural chegará este venres ao seu fin por este ano. O broche de ouro poñerao Pepo Suevos, que traerá ao Museo do Humor de Fene o seu espectáculo “Sobre rodas”. Arrancará ás 20 horas, con entrada de balde, previa retirada de convite: máximo de dous por persoa, o mesmo venres 29 de novembro, dende as 18,30 horas, na conserxería da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene).
Pepo Suevos é un tipo con máis dun milleiro de monólogos ás súas costas e, ante todo, un tipo con experiencia. Un animal do humor en directo, disposto a arrasar o escenario que colla por diante, sexa dun bar, ou auditorio ou sexa o palco dunha orquestra. Pepo é, ademais de monologuista, un fantástico actor, animador, dobrador, guionista e incluso locutor de radio. Nos últimos anos ten participado en proxectos a nivel estatal como Piratas ou Aquí paz y después gloria (unha serie protagonizada por Antonio Resines). E, en Galicia, formou parte de Mareas Vivas, Terra de Miranda, Caseiros, Pazo de Familia ou Matalobos.
Na actualidade forma parte do elenco da peza teatral O Tolleito de Inishmaan, que xira por toda Galicia. O seu é o directo, contar historias ata que o público aguante. Un auténtico todoterreo do humor disposto a calquera cousa para facer gozar aos seus espectadores.
Sobre rodas" é o seu novo monólogo, centrado no mundo da automoción. Trátase dunha curiosa sucesión de anécdotas relacionadas co mundo do motor desde todas as vertentes posibles: a da competición, a doméstica... e algunha outra!