Ana Basoa Rioboo inaugura en Fene a mostra “Poñendo luz á noite”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

A exposición poderá visitarse do 3 ao 30 de xaneiro na Casa da Cultura

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor inaugura exposición este venres 3 de xaneiro. A pintora fenesa Ana Basoa Rioboo presentará ao público “Poñendo luz á noite”, unha selección de retratos, bodegóns, flores, froitas… sempre dende o realismo. A pintora estará na sala este mesmo venres de 12 a 14 horas para amosar a exposición a todas as persoas que queiran visitala ese día e, o día 29, regresará ao centro cultural con motivo da clausura, ás 20 horas, para facer balance nun acto que contará coa actuación de Humberto Basoa –guitarra e voz-.


A exposición consta dunhas 30 obras en formato A1, A2 e A3. Apaixoada do realismo, Ana Basoa Rioboo afirma que co que máis desfruta é co retrato: “Cada retrato é coma un reto porque tes que conseguir definir a unha persoa a través da súa ollada. Cando fas un rostro non estás xogando só cos volumes. Coa ollada tes que transmitir todo o que é esa persoa. Neste senso, para min, a maior satisfacción que teño cando presento un novo cadro é que me digan que a persoa retratada fala coa mirada”.


A mostra poderá visitarse ata o 30 de xaneiro –o 3 e 7 de xaneiro de 10 a 14,15 horas; 4, 5 e 6 a Casa da Cultura estará pechada, e do 8 ao 30, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 horas e os sábados de 10 a 13 h-.



Sobre a artista

Pintora fenesa. Dende nena sentiu paixón polo mundo da arte ata o punto de que, dende unha idade temperá, as súas actividades extraescolares consistían en acudir a galerías de arte a aprender dos artistas máis prestixiosos da zona de Ferrol coma, por exemplo, Antonio Fernández. Dirixiu a súa vocación e os seus estudos cara este campo e realizou o grao de artes plásticas na Escola Superior de Arte, en Santiago de Compostela, con dobre titulación en Arquitectura de Interiores e Arte Publicitario. É técnico superior en deseño asistido por ordenador. Participou en diversas exposicións tanto a nivel local (Fene, Ferrol, Pontedeume, Neda…) coma provincial. Ademais realiza retratos por encargo. Adoita pintar pola noite porque é “cando máis me inspiro e porque para pintar preciso toda a tranquilidade e tempo do mundo. Encántame chegar á casa, desconectar do mundo…e aí é cando comezo a crear”.