O Concello de Fene anuncia a suspensión do acto de entrega dos Premios Curuxa e o aprazamento da primeira función do “Novembro, mes do humor”
Museo do Humor Dixomedíxomes30-10-2020
Adíase tamén o espectáculo de Moc Moc Saltimbanqui previsto para o sábado 7 de novembro
Perante o incremento de contaxios por Covid-19 e o agravamento da situación sanitaria na bisbarra e, particularmente, no Concello de Fene, o Goberno Municipal de Fene acordou suspender o acto de entrega dos Premios Curuxa 2020 que ía ter lugar o venres da vindeira semana, 6 de novembro, no CMI Unidade de Fene. Tamén se apraza o espectáculo de Avelino González, “Contos que foron chistes”, previsto para ese mesmo día no marco do ciclo “Novembro, mes do humor” , e a función de Moc Moc Saltimbanqui organizada para o sábado 7 de novembro na Praza do alcalde Ramón José Souto González.
Como alternativa á entrega presencial dos premios do XXIV concurso de humor gráfico Curuxa do Humor, o Concello de Fene promoverá nos vindeiros días un encontro virtual cos gañadores do certame nesta edición: Sebastià Martí Benedí (1º Premio Curuxa), Robert John Holt Schmelzer (2º Premio Curuxa), Hugo Feal Dopico (1º Premio Curuxa Nova) e Luciano Ripio Molina (2º Premio Curuxa Nova), adaptando así a cerimonia ás actuais circunstancias. Ademais, segundo informa a Concellería de Cultura,
esta entrega virtual de premios subirase posteriormente á canle de Youtube do Museo do Humor e difundirase a través da web e redes sociais municipais.
En relación cos espectáculos de Avelino González e Moc Moc Saltimbanqui, previstos para o venres e sábado da vindeira semana, o Goberno Municipal de Fene tomou a decisión de aprazalos “sine die”, á espera de que a situación sanitaria na bisbarra mellore.