Entrega virtual dos Premios Curuxa 2020

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O Concello de Fene promoverá este venres, ás 20 horas, un encontro virtual cos gañadores do XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, adaptando así a cerimonia de entrega dos premios ás actuais circunstancias derivadas da pandemia da Covid 19. Tomarán parte neste encontro os gañadores: Sebastià Martí Benedí (1º Premio Curuxa), Robert John Holt Schmelzer (2º Premio Curuxa), Hugo Feal Dopico (1º
Premio Curuxa Nova) e Luciano Ripio Molina (2º Premio Curuxa Nova), xunto co alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Arda, e os voceiros dos distintos grupos municipais de Fene.


A entrega virtual dos Premios Curuxa 2020 retransmitirase en “streaming”, en tempo real, a través da páxina de Facebook do Museo do Humor (https://www.facebook.com/museodohumorfene/) e comezará cun percorrido pola exposición dos Premios Curuxa que se amosa na actualidade -até finais de ano- na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene. O acto contará ademais cunha pequena intervención do actor e contacontos Avelino González (que ía actuar o pasado venres en Fene no acto de entrega “presencial” dos premios que o Concello de Fene suspendeu por mor do agravamento da situación sanitaria na bisbarra e das novas restricións implantadas pola Xunta de Galicia).


Trala retransmisión en directo do acto, a entrega dos Premios Curuxa 2020 colgarase na canle de Youtube do Concello de Fene e Museo do Humor e difundirase a través da web e redes sociais municipais.