A actividade, enmarcada no proxecto que o Concello de Fene desenvolve co apoio do programa O TeuXacobeo da Xunta, servirá para conmemorar o Día Internacional dos Museos
O Museo do Humor acollerá o 20 de maio o primeiro obradoiro de Viñetas do Camiño
Museo do Humor Dixomedíxomes28-04-2021
O Museo do Humor de Fene conmemorará este 20 de maio o Día Internacional dos Museos coa celebración do primeiro dos obradoiros de Viñetas do Camiño, o proxecto que o Concello de Fene está a desenvolver, no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta, para potenciar o Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra a través da creación artística. O artista Calros Silvar impartirá o taller, o único dirixido ao público adulto, no que se amosarán técnicas para o debuxo de natureza.
O obradoiro desenvolverase o día 20 de maio de 16.00 a 20.00 horas, aínda que a maior parte do tempo dedicarase á práctica. Será unha actividade orientada á realización de bosquexos ao natural, tanto de paisaxe coma de seres vivos, ben sexa a modo de apuntes que permitan a realización posterior de obras máis elaboradas ou ben como debuxos finais.
A actividade está orientada a persoas que teñan nocións básicas de debuxo e que o practiquen con certa frecuencia. Calquer/a interesado/a pode inscribirse de xeito gratuíto enviando un mail ao correo vinetasdocamino@fene.gal.
Con esta clase de Calros Silvar comezará o programa de obradoiros de Viñetas do Camiño, que se prolongará ata o mes de xuño en diferentes centros educativos de Fene. Así, Laura Bouza impartirá un taller 0 26 de maio no CPI A Xunqueira; Carme Martín estará no colexio Jorge Juan 0 28 de maio; Blanca Escrigas irá ao IES de Fene 0 4 de xuño; Beatriz Seijo estará o mesmo día no CEIP Centieiras e Dulce Anca atoparase co alumnado do CEIP O Ramo 0 10 de xuño.
O programa Viñetas do Camiño, que foi presentado publicamente o pasado mes de marzo polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón, abranguerá tamén un Encontro de Ilustradores, o ciclo de contacontos e música Humor Peregrino e unha Andaina Debuxada, os días 12 e 13 de xuño, que dará lugar tamén a unha exposición en formato físico e dixital.
Toda a información sobre o proxecto e as actividades previstas pode consultarse na web www.vinetasdocamino.gal.