II mostra do alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity na Casa da Cultura de Fene
Museo do Humor Dixomedíxomes03-06-2021
A exposición “Yokais: monstros, pantasmas e outros seres do Laboratorio”, do alumnado Laudas Calamity, abre ao público este venres na Casa da Cultura de Fene. Trátase dunha exposición colectiva que xira entorno á temática do folclore xaponés, concretamente sobre o mundo dos monstros e pantasmas, tamén coñecidos coma Yokais. A mostra inaugúrase este mesmo venres, ás 18.30 horas pero a asistencia será con invitación previa e aforo limitado para cumprir cos protocolos Covid de seguridade e hixiene actualmente en vigor.
En “Yokais: monstros, pantasmas e outros seres do Laboratorio” poderanse ver obras de grande formato en feitura de pergamino xigante “que reciben a influenza do artista de e-maki-mono (rolo ilustrado) Sawaki Sushi e a súa obra Hyakkai zukan (compendio ilustrado de cen demos, completada en 1737). Estes pergaminos xigantes (150x110cm.) foron creados de xeito colectivo polos “chiquiartistas” a partir das súas propias historias yokais, dando lugar estas historias a bocetos que remataron plasmando nos pergaminos que se poden ver na mostra.
Ademais, as pezas de grande formato conviven na exposición con outras individuais de 75x35 cm. Cada unha delas está inspirada nun texto da “Guía Ilustrada de Monstruos y Fantasmas de Japón” de Sekien Toriyama (Ed. Quaterni, 2014) que cada un dos alumnos/as interpretou nestes soportes/pergamino.
Por último, na sala poderase ver unha instalación formada por unhas súper estructuras de bambú que soportan os pergaminos xigantes a modo de estandartes. Deste xeito, o espectador poderá camiñar entre os estandartes á vez que gozan dos pergaminos individuais.
A exposición “Yokais: monstros, pantasmas e outros seres do Laboratorio” amosarase na Casa da Cultura de Fene do 4 ao 30 de xuño en horario: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas (até o 22 de xuño). A partir desa data, o horario será: de luns a venres, de 10 a 14,15 horas.