“I encontro de ilustradores" para reflexionar sobre a promoción do Camiño Inglés a través das artes visuais
Museo do Humor Dixomedíxomes04-06-2021
O Concello de Fene reunirá o vindeiro día 11 a cinco recoñecidos artistas da comarca no “I Encontro de Ilustradores”, unha actividade do proxecto “Viñetas do Camiño”, que promoven as concellerías de Cultura e Turismo no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A cita terá lugar no Museo do Humor ás 20.00 horas e ten como obxectivo á reflexión acerca do Camiño Inglés, os seus valores e a súa promoción dende as artes visuais.
Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Beatriz Seijo, Calros Silvar e Eduardo Hermida protagonizarán o encontro, no que se quere crear un espazo de traballo dende o que afondar de forma conxunta no Camiño Inglés en Ferrolterra, a través dunha perspectiva patrimonial, paisaxística e humana. A actividade quere servir para establecer posibles vías de colaboración entre artistas, incluso a nivel estatal, como canle para difundir os valores Xacobeos e a riqueza patrimonial asociada ao Camiño.
Para elo, os participantes analizarán distintas experiencias na promoción de itinerarios similares ao compostelán como base para a súa posible aplicación a este. Da mesma forma, exporán outros proxectos nos que teñen traballado neste mesmo senso.
O Encontro de Ilustradores estará aberto ao público ata que o aforo da sala estea completo.
Andaina Debuxada
Por outra banda, o Concello de Fene manterá aberto ata o día 7 o prazo de inscrición na “Andaina Debuxada”, que terá lugar os días 12 e 13 polo Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra. A proposta contempla dúas etapas: A primeira, durante a xornada do sábado, entre Ferrol e Fene; e a segunda, na mañá do domingo, entre Fene e Pontedeume. Durante o percorrido, faranse paradas en trece emprazamentos emblemáticos, tanto para que os participantes debuxen como para veren debuxar aos doce artistas implicados na iniciativa.
Aínda que a actividade é de balde, será necesario inscribirse para facer uso dos autobuses que o Concello de Fene fretará para o retorno dos camiñantes dende o punto de chegada en cada unha das dúas etapas. Os interesados deberán cumprimentar este trámite enviando un correo electrónico a vinetasdocamino@fene.gal. Nel teñen que indicar o nome e o apelido das persoas participantes, así como un teléfono de contacto e a parada na que baixarán do autobús. Polo de agora xa son máis de setenta as persoas inscritas no servizo.
Na primeira xornada, o sábado, o autobús regresará dende a Casa do Concello de Fene ata o peirao de Curuxeiras -de onde parte a etapa-, facendo paradas na Casa da Cultura de Neda, a Ponte de Xuvia, a praza do antiga Casa do Concello de Narón, a rotonda de Megasa e Caranza. Ao día seguinte, o domingo, partirá de Pontedeume para chegar a Fene facendo unha única parada en Laraxe.
A actividade vaise desenvolver seguindo unhas estritas medidas sanitarias. Así, o Concello de Fene organizará saídas graduadas de aproximadamente vinte persoas, o máximo permitido para o ocio activo na actual situación. Para dispor todo vaise contar coa colaboración de Protección Civil.
Toda a información sobre o proxecto Viñetas do Camiño está recollida en www.vinetasdocamino.gal