A andaina debuxada encherá este fin de semana de creatividade o Camiño Inglés
Museo do Humor Dixomedíxomes09-06-2021
O proxecto Viñetas do Camiño, promovido polo Concello de Fene ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta, celebra o “I Encontro de Ilustradores” este venres e a súa “Andaina Debuxada” o sábado e o domingo
O Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra acolle esta fin de semana a Andaina Debuxada que organiza o Concello de Fene no marco do proxecto “Viñetas do Camiño”, impulsado desde as súas concellerías de Turismo e Cultura ao abeiro do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A ruta está organizada en dúas etapas, o sábado pola mañá e pola tarde e o domingo pola mañá, con paradas nos seis concellos polos que discorre a ruta nas que estarán debuxando destacados artistas da contorna.
Hai arredor de medio cento de persoas inscritas para empregar os autobuses gratuítos que o Concello de Fene dispuxo para a volta. A marcha organizarase, coa axuda de Protección Civil, en grupos de vinte persoas nos que haberá que cumprir o distanciamento e demáis medidas establecidas para as actividades de natureza.
Na primeira etapa, o sábado, Viñetas do Camiño percorrerá os 23 quilómetros que hai de Ferrol a Fene, con saída ás 09.00 horas do peirao de Curuxeiras e remate ás 18.45 horas. O xantar, que terá que levar cada persoa participante, será na zona do paseo marítimo de Xuvia de 14.30 a 15.30h. As paradas previstas e os e as artistas que estarán en cada unha son as seguintes:
Sábado mañá:
-Xardíns de Herrera, de 09.05 a 09.35h. Ilustradora: Elga Fernández Lamas
-Santa María de Caranza, de 10.35 a 11.05h. Ilustradora: Blanca Escrigas
-San Martiño de Xuvia, de 12.20h a 12.50h. Ilustradora: Carmen Martín
-As Aceñas, de 13.45 a 14.15h. Ilustrador: Leandro Lamas
Sábado tarde:
-Albergue de Neda, de 15.35 a 16.05h. Ilustrador: Calros Silvar
-Igrexa de San Nicolás, de 16.41 a 17.15h. Ilustrador: Cristian F. Caruncho
-Museo do Humor (Fonte do Campo), de 18.15h a 18.45h. Inicialmente estaba previsto que Xaquín Marín estivese neste último punto da etapa, pero por motivos persoais non poderá participar na actividade.
A segunda etapa sairá da Fonte do Campo, en Fene, ás 09.00h e cubrirá 11,6 quilómetros ata Pontedeume, facendo as seguintes paradas:
Domingo mañá:
-Casa do Concello de Fene, de 09.05 a 09.35h. Ilustradora: Laura Bouza.
-Camiño de Mundín, de 09.50 a 10.20h. Ilustradora: Beatriz Seijo.
-Fonte de Santa Lucía, de 11.20 a 11.50h. Ilustradora: Dulce Anca.
-Praia da Madalena, de 12.50 a 13.20h. Ilustrador: Juan Manuel Rubio Lozano.
-Pontedeume (alameda), de 13.25 a 14.05h. Ilustrador: Hugo Feal.
-Pontedeume (confraría), de 14.10 a 14.40h. Ilustrador: Juan Manuel Rubio Lozano.
As persoas participantes recibirán á saída un caderno de Viñetas do Camiño que é unha invitación a debuxar ao longo do percorrido. As obras xurdidas na andaina a carón do Camiño Inglés poderán enviarse ata o 30 de xuño, preferentemente escaneadas ou, no seu defecto, fotografadas, ao correo electrónico vinetasdocamino@gmail.com para participar na exposición virtual que se colgará na web www.vinetasdocamino.gal.
O Concello de Fene quere facer desta Andaina Debuxada unha actividade aberta e participativa, polo que subliña que hai moitas formas de participar. Ademais de facer todo o percorrido cos grupos, calquera pode elixir facer un treito, ou achegarse a ver a un determinado artista ou ben buscar un lugar para debuxar.
Na web do proxecto detállanse as recomendacións para facer a andaina, entre outras a de levar auga e froitos secos, así como gorro e protección solar. Advírtese tamén de que as persoas participantes asumen os riscos que conleva unha actividade ao aire libre e o tránsito por zonas nas que hai tráfico rodado.
Actos deste venres
Na víspera da Andaina Debuxada, este venres día 11, o Museo do Humor acollerá o I Encontro de Ilustradores. Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Beatriz Seijo, Calros Silvar e Eduardo Hermida van tomar parte neste espazo de traballo e diálogo, no que cada artista vai compartir as súas experiencias de promoción do territorio a través da creatividade. A cita será ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
Pola mañá, ás 13.30 horas, inaugurarase a obra feita no marco de Viñetas do Camiño por parte de usuarios e usuarias de Aspaneps. Trátase dun mosaico en forma de cubo no que se detalla a ruta e as distancias do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra, que vai quedar instalado diante do Concello de Fene. O de Aspaneps, titulado “Pintamos o camiño”, foi un máis dos obradoiros incluídos no proxecto e que se desenvolveron nas últimas semanas, un para o
público adulto e impartido por Calros Silvar, e outros a cargo de Laura Bouza, Carmen Martín, Blanca Escrigas, Beatriz Seijo e Dulce Anca, nos diferentes centros educativos de Fene.