A exposición O Camiño das Estrelas: tecendo culturas, de María José Rodríguez amósase en xullo na Casa da Cultura
Museo do Humor Dixomedíxomes29-06-2021
Este venres, ás 13.00 horas, inaugúrase na Casa da Cultura de Fene a mostra “O Camiño das estrelas: tecendo culturas”, da artista María José Rodríguez. No acto, a pintora estará acompañada polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, e polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A exposición permanecerá nesta instalación municipal até o vindeiro 29 de xullo e poderá visitarse de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, a sala de exposicións permanecerá pechada.
“O Camiño das Estrelas: tecendo culturas” pretende “visualizar a beleza do Camiño de Santiago, das súas xentes, da gastronomía... Trátase de amosar toda a grandeza da rotas xacobea dun deixo transversal e multidisciplinar que mova ao camiñante a interactuar con todos os sentidos na procura dese saber universal que nos achega a todas as xentes, veñamos de onde veñamos”. Para lograr ese obxectivo, a artista reúne nesta exposición todas as artes posibles, “incluída a artesanía coma unha arte máis que precisa ser realzada”.
A mostra inclúe obra pictórica, composta por cadros de distintos estilos e técnicas; obra escultórica, formada por pezas en cerámica e de cartón pedra; artesanía e deseño en costura. Nela, as obras “xiran arredor dos pobos e paisaxes que se poden ver ao longo do Camiño, así como en torno a elementos culturais e etnográficos de Galicia”.
Nada na Coruña, aínda que afincada en Vilagarcía de Arousa dende hai moitos anos, María José Rodríguez é unha apaixonada do ensino e da arte. Licenciada en Pedagoxía pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou diversos estudos artísticos.
Un aspecto destacable na traxectoria da artista é que as obras de María José Rodríguez son “casi ao 100 % froito da inspiración, do traballo e dunha visión creadora do mundo, dunha sensibilidade a flor de pel e dunha ollada positiva e vitalista perante a vida. A porcentaxe restante, non autodidacta, “ata chegar a ese 100 % é froito do estudo e da investigación levada a cabo neste universo creativo da arte”.
Dende a súa primeira exposición, realizada en Vilagarcía de Arousa en 1990, María José Rodríguez ten participado en multitude de mostras individuais e colectivas. Ademais, ten acadado numerosos recoñecementos. Un dos últimos foi o XVII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez (2021) na modalidade de ilustración, certame convocado pola Deputación de Ourense.