O ciclo Humor Peregrino trae este venres a Fene as Historias de Arrepío de Paula Carballeira
Museo do Humor Dixomedíxomes05-07-2021
O salón de actos da Casa da Cultura acolle este venres, ás 21 horas, a segunda función do ciclo “Humor peregrino”, actividade que se encadra no proxecto Viñetas do Camiño (O Teu Xacobeo) que están a desenvolver as Concellerías de Cultura e Turismo. A protagonista desta nova sesión será a fenesa Paula Carballeira cun espectáculo titulado “Historias de arrepío” no que se recollen contos que xorden “das longas e escuras noites con néboa ás portas”. A entrada será libre, de balde e con aforo limitado (50 persoas), atendendo a normativa Covid actualmente en vigor.
Segundo Paula Carballeira, “o medo é unha das poucas cousas que non buscas. Ao medo atópalo. Os chamados contos de medo só perseguen o arrepío do momento, unha lixeira inquedanza, unha sensación de vento frío que che aloumiña o pescozo. Candeas, aparecidos, ánimas en pena, agoiros, avisos…”. En “Historias de arrepío” escoitaremos “contos que foron tecendo narradoras e naradores anónimos, ás veces recollidos por escrito, a maioría transmitidos oralmente para lembrarnos que a noite está á espreita, e que por iso hai que sentir con intensidade, tremer a rir cando o medo nolo permita, para esquecer por un momento o que agochan as tebras”.
Paula Carballeira adícase profesionalmente ao teatro e á narración oral desde 1994. Foi convidada aos principais festivais de narración oral tanto nacionais como internacionais (Portugal, Brasil, Francia, Chile, Ecuador, Perú, Colombia,Cabo Verde, Arxentina, Costa Rica, México ). Participou en diversos programas da TVG (Viradeira, O clan dos impostores, Libro de familia, Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima Audiencia, Contando estrelas, Pepe o inglés) e ten colaborado en diferentes espazos da Radio Galega (Xamón, xamón, A taberna da galega).
Membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612 que se desenvolveu nos concellos de Santiago de Compostela e no de Ferrol. Ademais dun traballo continuado en Berrobambán, participa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Por exemplo, foi a máxima responsable dos espectáculos de Talía Teatro Mundos contados, Pequena e Rosa Caramelo e outras historias; dirixiu e interpretou a montaxe do Centro Dramático Galego para público infantil: A cabana de Babaiagá, e protagonizou Desde a sombra/Bufóns e Pallasos para a compañía Magrinyana.
Tamén é autora de máis de trinta libros publicados e traducidos a diferentes idiomas: castelán, inglés, portugués, alemán, turco, coreano, italiano, éuscaro, catalán..., algúns deles distinguidos cos premios: Lecturas, White Raven, Isaac Díaz Pardo, Manuel María de Literatura Dramática Infantil ou o Frei Martín Sarmiento.
Entre eles destacan: Robin e a Boa Xente (EDB, 1993), Mateo (Kalandraka, 1999), Paco (Kalandraka, 2000) Premio Lecturas 2001, Correo Urxente (EDB, 2002) Premio Lecturas 2003, O ganso pardo (Edelvives, 2002; Palabras del Candil, 2013), A era de Lázaro (Galaxia, 2004), Smara (Kalandraka, 2006), White Raven e Premio Isaac Díaz Pardo, Boas Noites (Edicións Xerais, 2007) e O refugallo (Xerais, 2013) ambos gañadores do Manuel María, finalistas dos premios AELGA e nominados aos María Casares do teatro galego, Contatrás II-I (Edicións Positivas, 2012), O principio (Kalandraka, 2012).
A burra Ramona (Baía, 2013) premio frei Martín Sarmiento 2016, Misterios (ASSITEJ, 2015) Finalista do Premio ASSITEJ de Textos Dramáticos, ou Bruxa e familia (Santillana, 2017).
Ademais escribiu libros de Lecturas Escolares para a editorial Anaya como Alicia sabe voar, Voces no sumidoiro ou Aldara na lúa entre outros
Humor peregrino
O Camiño Inglés é patrimonio natural, arquitectónico pero tamén inmaterial. O ciclo Humor peregrino – incluído no proxecto Viñetas do Camiño- quere achegar ao público unha representación da narración oral e a música, “boas compañeiras para os peregrinos”.
O ciclo inclúe catro actuacións de narración oral e música, organizadas pola Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Logo destas primeiras funcións, protagonizadas por Ukestra do Medio e Paula Carballeira, nas vindeiras semanas tamén pasarán por “Humor peregrino”: Gala Martínez, con Son un monstro (16 de xullo, Casa da Cultura, 21.00 horas); e The Teta´s Van (23 de xullo, Praza do Concello, 21.00 horas).
Máis información, na web do Concello de Fene www.fene.gal ou no Departamento de Cultura do Concello de Fene, tfno. 981 340 366.