Fernando Iglesias Mouta, Kohell, e Sarai Outeiral Ces acadaron os segundos premios nas categorías Curuxa e Curuxa Nova, respectivamente
Alexandre Sequeiros Camiña e Nuria Martínez Carbó son os gañadores do XXV Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene
Museo do Humor Dixomedíxomes12-07-2021
Xurado dos Premios Curuxa 2021
Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor de Fene, o xurado do XXV concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Alexandre Sequeiros Camiña o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos) e a Nuria Martínez Carbó o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos). Así mesmo, Fernando Iglesias Mouta, "Kohell", e Sarai Outeiral Ces alzáronse co segundo premio nas categorías Curuxa e Curuxa Nova, respectivamente.
O xurado estivo integrado, ademais de polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Martínez Ardá; pola responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Calros Silvar, Xosé Tomás e Hugo Feal Permuy (este último, gañador da Curuxa Nova 2020).
O gañador do 1º Premio Curuxa 2021, Alexandre Sequeiros Camiña, presentou ao certame un debuxo titulado “Cegueira”. O xurado valorou desta obra “a capacidade de síntese da metáfora visual”, así como o feito de “ser capaz de contar moito con poucos elementos”. Tamén destacou “o estilo limpo, sobrio, contundente e moi próximo ao deseño, cunha boa selección de cores”.
O 2º Premio Curuxa foi nesta edición para Fernando Iglesias Mouta-Kohell-, por un debuxo presentado co título “Éxodo”. Na súa análise, o xurado incide en que esta obra traslada unha mensaxe “que condensa moi ben a realidade galega e unha forma de ver a vida moi próxima ao noso territorio co humor autóctono, a retranca galega”. Tamén salientou que é un estilo “moi ben resolto en canto ás liñas, composición e elección de cores, en xeral moi adecuado para o humor gráfico”.
En relación aos gañadores do Premio Curuxa Nova, o xurado destacou do traballo de Nuria Martínez Carbó, que acadou o 1º premio Curuxa Nova por un debuxo titulado “Un cadáver con sorte”, sinalando como principal valor “a capacidade de xerar sorpresa entre o estilo inicial e a mensaxe que se descubre finalmente”, ademais de poñer o acento na súa “forte ironía”. O fallo engade, ademais, “a elección dun estilo que non é moi habitual no humor gráfico, tipo fotograma ou viñeta de novela gráfica”.
E, xa por último, o 2º premio Curuxa Nova foi para Sarai Outeiral Ces por un debuxo titulado “Emancipación”. Del, o xurado valorou especialmente a súa temática “en sintonía coa realidade actual da xente”, pero tamén o seu estilo, cualificado a nivel gráfico como “moi potente, que funciona moi ben e cun manexo da técnica moi correcto”.
Á marxe dos premiados, o xurado tamén acordou nomear finalistas nesta edición, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Borja Ramón López Cotelo (categoría Curuxa) co título “Negacionismo” e por Lucas Sixto Carballeira (categoría Curuxa Nova) co debuxo “Vacinados”.
Organizados pola Concellería de Cultura de Fene, os Premios Curuxa do Museo do Humor buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do Estado), ademais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
Os premios están dotados, no caso da Curuxa Gráfica, con 2.000 euros e diploma o primeiro premio e con 1.500 euros e diploma o segundo. O apartado Curuxa Nova concede 1.000 e 500 euros para o primeiro e segundo premio, respectivamente, xunto con cadanseu diploma.
O alcalde e presidente do xurado, Juventino Trigo, avanzou esta mañá que no último trimestre do ano o Museo do Humor acollerá unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria (67 en total, dos cales 50 participaron na categoría Curuxa e os 17 restantes na categoría Curuxa Nova). Ademais, na web do Museo (http://museodohumor.fene.gal) habilitarase nesas datas unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso nesta edición.