O alcalde de Fene, Juventino Trigo inaugurou o venres unha mostra ao aire libre con vinte e catro obras que se repartirán polos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume
A exposición de Viñetas do Camiño recolle unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra
Museo do Humor Dixomedíxomes26-07-2021
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, inaugurou a exposición que recolle as obras realizadas polos artistas que participaron na “Andaina Debuxada” que se desenvolveu os días 12 e 13 de xuño dentro do proxecto “Viñetas do Camiño”, incluído no programa O Teu Xacobeo 21. O acto tivo lugar nas inmediacións do concello fenés, preto do río Cádavo, lugar onde quedou emprazado un dos seis cubos que compoñen esta mostra ao aire libre. Xunto con el, participaron na cerimonia a xefa territorial na Coruña da Vicepresidencia Primeira da Xunta, María Barreiro Lázare, así como os concelleiros de Cultura, Justo Martínez, e a de Turismo, Ana Basoa; e Calros Silvar, en representación dos artistas.
O rexedor destacou a “orixinalidade” dunha iniciativa que vai “deixa unha pegada artística” moi importante en seis recunchos da comarca e que condensa o esforzo das administracións que colaboraron para que vise a luz, implicando a gran variedade de colectivos. Por iso, Trigo quixo agradecer o respaldo dos outros Concellos polos que transita o Camiño Inglés en Ferrolterra -Ferrol, Narón, Neda, Cabanas e Pontedeume-, pois “sen a súa colaboración e as facilidades que nos deron a exposición sería imposible”; e o apoio da Xunta a través do programa O Teu Xacobeo 21. Así mesmo, o primeiro edil fenés eloxiou “a colaboración e predisposición dos e das artistas” que tomaron parte en todas as actividades de Viñetas do Camiño e felicitounos “pola calidade dos seus debuxos”, concluíndo que “a calidade artística do proxecto é incuestionable”.
Juventino Trigo expresou a satisfacción que dende o Concello senten polo desenvolvemento de “Viñetas do Camiño”, apuntando que con cada actividade, desde os obradoiros ata as actuacións do ciclo Humor Peregrino, pasando polos encontro de ilustradores ou a Andaina Debuxada, “as expectativas que tiñamos fóronse confirmando e os obxectivos cumpríndose”.
Ademais, destacou a repercusión que alcanzou o proxecto, “que implicou a xente de todas as idades, aos centros educativos e ao movemento asociativo de Fene”. O rexedor salientou o carácter inclusivo dun evento no que participaron activamente os usuarios do Centro Ocupacional Aspaneps, artífices dun cubo e un puzzle no que están representados todos os concellos do Camiño Inglés; así como os membros da Asociación Sociocultural ASCM, que fixeron parte do recorrido da primeira etapa da Andaina Debuxada.
Juventino Trigo adiantou que o proxecto “Viñetas do Camiño naceu con vocación de continuidade”, coma unha aposta do Concello de Fene por seguir apoiando o Museo do Humor e un exemplo de compromiso co Camiño Inglés. Por iso, “co xa aprendido e as propostas que recibimos, tentaremos facelo aínda mellor nas vindeiras edicións”, concluíu antes de animaren a todos a percorrer o Camiño Inglés, a lo menos, dende Ferrol a Pontedeume.
Na mesma liña co alcalde fenés, a xefa territorial na Coruña da Vicepresidenta Primeira da Xunta, María Barreiro Lázare, louvou un proxecto do que dixo “cumpre as expectativas” en aspectos moi diversos: “Estou moi agradecida de que iniciativas coma O Teu Xacobeo sexan acollidas polos Concellos para promocionar o noso patrimonio”.
A responsable do Museo do Humor, Almudena Marcos, quen fixo de mestra de cerimonias, non quixo perder a oportunidade para facer un repaso por todas as actividades que se desenvolveron nos últimos meses no marco do proxecto “Viñetas do Camiño”: os obradoiros para adultos e escolares, o Encontro de Ilustradores -no que ademais de “reflexionar” sobre o feito ata o momento serviu para “recopilar ideas”-, a Andaina Debuxada –“que foi a estrela do proxecto e unha xornada de convivencia”- e o ciclo Humor Peregrino. Almudena Marcos animou a todos a visitar unha mostra da que dixo que “paga a pena para ver de preto o traballo destes artistas”.
A exposición consta de seis cubos -un por concello- situados ao longo do percorrido do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra e en cada un deles recóllense dúas obras dos artistas participantes na Andaina Debuxada. En Ferrol, a estrutura quedou disposta no paseo de Caranza e nela móstranse os traballos de Elga Fernández Lamas e Blanca Escrigas; en Narón amósanse no paseo marítimo de Xubia as ilustracións de Carme Martín e Leandro Lamas; en Neda a estrutura acomodouse en Xubia, na zona do albergue de peregrinos, e nela vense os traballos de Calros Silvar e Cristian F. Caruncho; mentres que en Cabanas está no parque Arenal, nun espazo reservado para Beatriz Seijo e Dulce Anca; e en Pontedeume na Praza de España, con láminas de Juanma Rubio e Hugo Feal. Xaquín Marín e Laura Bouza serán os protagonistas do cubo de Fene, preto do Concello, ao carón do río Cádavo.
De forma paralela, quedou aberta outra mostra, neste caso virtual, na que os internautas poden gozar tanto das vinte e catro obras dos ilustradores, coma dos debuxos que durante a marcha dos días 12 e 13 de xuño fixeron os camiñantes. Neste espazo, ao que se poden achegar na dirección www.viñetasdocamiño.com, tamén aparecen os traballos realizados polos alumnos de varios centros educativos de Fene nos obradoiros escolares desenvolvidos nos últimos meses así mesmo dentro do proxecto” Viñetas do Camiño”.