Volve o Novembro, Mes do Humor ao Museo do Humor de Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Duarte  Galván,  Marita  Martínez  e  Avelino  González  serán  os  protagonistas dunha nova edición do ciclo de monólogos que a Concellería de Cultura de Fene organiza para conmemorar o aniversario do Museo do Humor (inaugurado o 24 de novembro de 1984). O “Novembro, mes do humor” botará a andar o venres 5 de novembro con Duarte Galbán e o espectáculo “Vello aos vinte e pico”. O día 12 actuará Marita Martínez e o 19 de novembro pechará o ciclo con Avelino González. Todas as funcións serán ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada balde pero con aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal,  por  whatsapp  607  625  357  ou  no  teléfono  981  340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.  
 
Coincidindo co acto de entrega dos Premios Curuxa 2021, o venres 5 de novembro comezará o “Novembro, mes do humor” no Museo do Humor de Fene. A primeira función, que leva  por título  “Vello  aos  vinte  e pico”,  correrá  a  cargo  do presentador,  cómico  e  actor  Duarte  Galbán.  Neste  espectáculo,  o  artista  conta “como  é  a  súa  visión  da  vida,  sentíndose  unha  persoa  maior  con  tan  só  vinte  e pico anos... Ben seguro non deixará indiferente a ninguén, cunha visión moi fresca e gamberra da nosa cultura galega. Un verdadeiro todoterreno sobre o escenario! A sorrir!”
 
O ciclo continuará o venres 12 de novembro con Marita Martínez sobre o escenario da Casa da Cultura de Fene presentando “Quéroche  un  conto”. Segundo Marita Martínez, o título fai referencia “a unha expresión que tiña a miña avoa para dicir que  todo  tiña  o  seu  aquel,  e  soia  dicila  xusto  antes  de  arrincarse  a  contar  como cambiaran  as  cousas  desde  os  seus  tempos.  Das  súas  anécdotas  e  doutras  de familia propia e allea vai este conto. De como eran os amores e as regueifas, das festas  e  dos  perigos  do  pasodobre,  dos  alcumes  e  a  retranca, das  peculiaridades do  noso  carácter  que  tanto  cambiaron...  ou  non...  En definitiva,  das  cousas  de antes e das cousas de agora”.
 
A  derradeira  función  do  “Novembro,  mes  do  humor”  será  o  venres  19  de novembro con Avelino González e o seu espectáculo “Contos que foron chistes”. Porque “moitos chistes cos que hoxe rimos son unha adaptación de contos vellos. De curas, ricos, políticos... que hoxe mudaron as formas pero non os contidos nin o fondo: RIR. Nomeadamente de quen manda”.
 
Ciclo organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.