A monologuista e actriz Marita Martínez protagoniza a segunda función do Novembro, mes do humor
Museo do Humor Dixomedíxomes09-11-2021
“Quéroche un conto” é o título do espectáculo que a monologuista e actriz Marita Martínez presentará este venres, 12 de novembro, a partir das 20.00 na Casa da Cultura de Fene. A función encádrase no “Novembro, mes do Humor” que a Concellería de Cultura organiza ao redor da conmemoración do aniversario do Museo do Humor. O ciclo comezou o pasado venres con Duarte Galbán e, trala función desta semana, concluirá o venres 19 de novembro con Avelino González sobre o escenario. Todas as función son con entrada de balde e aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.
Segundo Marita Martínez, “Quéroche un conto” fai referencia “a unha expresión que tiña a miña avoa para dicir que todo tiña o seu aquel, e soia dicila xusto antes de arrincarse a contar como cambiaran as cousas desde os seus tempos. Das súas anécdotas e doutras de familia propia e allea vai este conto. De como eran os amores e as regueifas, das festas e dos perigos do pasodobre, dos alcumes e a retranca, das peculiaridades do noso carácter que tanto cambiaron… ou non… En definitiva, das cousas de antes e das cousas de agora”.
Con máis de dez anos de experiencia como improvisadora ás súas costas, Marita Martínez conta cun amplo percorrido de teatro amateur e universitario (Teatro da Bufarda e La Tuerka Teatro), así como oito montaxes de teatro profesional con Espello Cóncavo e Teatro Galileo, e varias participacións no audiovisual galego (“Mareas Vivas”, “Pequeno Hotel”, “Os Atlánticos”, “Cuarto sen ascensor”, “Os Mariachi” e “Malo será!”).
Organiza: Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Rede Cultural 2021 da Deputación da Coruña.