O Concello editou cincocentos calendarios con algúns dos debuxos incluídos na mostra
A exposición de Viñetas do Camiño amósase dende hoxe a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío
Museo do Humor Dixomedíxomes27-12-2021
A mostra recolle vinte e catro ilustracións, realizadas polos doce artistas que participaron na “Andaina debuxada” do pasado mes de xuño e que se expuxeron ao longo dos últimos meses en distintos puntos do Camiño Inglés ao seu paso pola comarca de Ferrolterra. Unha vez finalizada a mostra orixinal, o Concello de Fene acordou reunir os cubos nos que se amosan os debuxos nun espazo céntrico para que a veciñanza poida gozar das creacións de artistas da talla de Xaquín Marín, Beatriz Seijo, Hugo Feal, Laura Bouza, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Carme Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho, Dulce Anca e Juanma Rubio Lozano. A exposición manterase nesta nova localización, a carón da pista polideportiva do CCRD de Perlío, até finais do mes de marzo.
De forma paralela á exposición física, o Concello de Fene lembra que o proxecto Viñetas do Camiño (O Teu Xacobeo) conta tamén cunha exposición virtual (https://www.vinetasdocamino.gal/exposicions/) na que se recollen tanto as vinte e catro obras dos ilustradores, coma os debuxos que durante a marcha dos días 12 e 13 de xuño fixeron os camiñantes. Neste espazo tamén aparecen os traballos realizados polos alumnos de varios centros educativos de Fene nos obradoiros escolares de ”Viñetas do Camiño”.
Calendarios de Viñetas do Camiño
Como colofón ao proxecto de “Viñetas do Camiño”, no que se implicaron as Concellerías de Cultura e Turismo ao longo deste 2021, o Concello de Fene editou calendarios de mesa con imaxes dos artistas participantes, aos que xa se lles fixo chegar algún exemplar do mesmo,. Tamén se repartiron entre as sociedades do termo municipal e, dende hoxe, os exemplares restantes pódense recoller na conserxería da Casa do Concello, até fin de existencias.