O debuxante Xaquín Marín presenta o seu novo libro, Que tempos!, no Museo do Humor
Museo do Humor Dixomedíxomes15-02-2022
O salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle este xoves, 17 de febreiro, a presentación de Que tempos!, obra editada por Embora que recolle unha compilación das achegas do artista á revista Tempos Novos. Trátase, en realidade, dunha escolma “de toda a traxectoria de Xaquín Marín como cronista gráfico dos galegos e das galegas”. O acto comezará ás 20.00 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Asistirán, amais do artista, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o director da editorial Embora, Miguel Tobal, e o xornalista e escritor Pablo Bouza que se encargará da presentación do acto.
“A realidade de Galicia e os seus problemas sociais seguen a ser os mesmos desde hai moito tempo e non teñen moitas trazas de que vaian cambiar nos próximos anos”. Partindo desta premisa, Que tempos! reflicte unha escolma atemporal na que Xaquín retrata o seu particular xeito de estar no mundo, baseado “na coherencia e persistencia dos ideais fronte a barbarie, na resistencia á opresión da política institucional e na defensa inquebrantable dos dereitos humanos e das minorías". E todo isto, co seu partitular estilo, cheo de retranca, ironía e xogos de palabras.
Xaquín Marín (Ferrol, 1943) é un histórico do humor gráfico en Galicia. Desde o inicio da súa carreira ten compaxinado ilustración, BD e un inxente labor como cartelista e humorista gráfico.
Cando en 1971 o novo pintor Xaquín Marín acudiu a Madrid para reunirse con Reimundo Patiño coa firme intención de integrarse na Estampa Popular Galega, pouco ou nada podía saber sobre que o seu futuro artístico acabaría ligado ao cómic e ao humor gráfico, sendo este último o medio que lle consagraría como artista e no que a día de hoxe segue sendo unha figura clave.
Unha enorme (por extensa, intensa e fructífera) traxectoria profesional adorna o curriculum de Xaquín: asinou álbumes de BD, ten colaborado cunha infinidade de publicacións (Chan, Teima, La Codorniz, Hermano Lobo, A Nosa Terra, El Ideal Gallego, Can sen dono, La Voz de Galicia) e a potencia da súa creación gráfica é hoxe inseparable da identidade do país.