A exposición antolóxica de Xaquín Marín inaugúrase este venres no Museo do Humor
Museo do Humor Dixomedíxomes04-05-2022
O debuxante e humorista gráfico Xaquín Marín naceu en Ferrol no ano 1943 pero con tan só dous meses de vida trasladouse xunto coa familia á casa onde estaba o colexio vello, no sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da Cultura de Fene, sede do Museo de Humor. E vai ser este, precisamente, o lugar onde se amose a partir deste venres, 6 de maio, unha exposición retrospectiva cunha ampla selección da súa obra, dende as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. A inauguración será o venres ás 20.00 horas no Museo aínda que, previamente, ás 6 do serán, realizarase unha visita co artista á exposición instalada no Paseo de San Valentín con reproducións de viñetas de Isolino, un dos seus personaxes máis icónicos.
Volta á orixe poderá visitarse no Museo do Humor de Fene do 6 de maio ao 27 de xuño no horario de apertura do centro: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados de 10.00 a 13.00 horas. A partir do 22 de xuño -data estipulada para o cambio ao horario estival nesta instalación municipal- a exposición abrirá ao público unicamente en horario de mañá, de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.
En palabras do comisario da exposición e fillo do debuxante, Alexandre Marín, Volta á orixe “resume case 60 anos dunha traxectoria ampla e fecunda en diferentes facetas creativas e profesionais, tan ampla e tan fecunda que sintetizala é misión imposible, peroo non por falta de espazo, senón por exceso de obra”.
A mostra, promovida pola Concellería de Cultura, ocupará distintos espazos do Museo do Humor, repartíndose entre a sala de exposicións temporais, no baixo da Casa da Cultura, a sala dos Premios Curuxa, no segundo andar, e o salón de actos, espazo no que se amosarán os personaxes máis representativos de Xaquín Marín. Tamén se instalará a partir do venres unha exposición bibliográfica na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé e outra no Museo coas principais publicacións do artista.
Volta á orixe “vai ser, sen dúbida, unha exposición moi importante para o Concello e para o Museo do Humor”, afirmaba o alcalde de Fene hai uns días durante a presentación da mesma. Segundo Juventino Trigo, esta mostra “deixará unha pegada tan grande como a do enorme pé que (a partir deste venres) vai recibir aos visitantes que se acheguen a vela”. A peza, realizada en poliestireno con cuberta de resina, é obra do escultor fenés Pablo Ardao, da empresa Complementa.
A figura de Xaquín Marín vai ser neste 2022 un dos eixos vertebradores no que a iniciativas culturais se refire no Concello de Fene. A maiores da exposición retrospectiva “Volta á orixe”, a Concellería de Cultura organiza para os meses de maio e xuño distintas actividades coas que se pretende amosar ao fundador do Museo do Humor “o noso recoñecemento e situar novamente a súa figura no lugar que lle corresponde, entre os mellores creadores do noso país”.
ACTO NO IES DE FENE
Tamén o IES de Fene vai homenaxear ao artista este venres, ás 12.30 horas, poñendo o seu nome ao salón de actos do centro. No decurso do acto, Marín descubrirá unha placa deseñada polo escultor Francisco Pérez Porto. Ademais inaugurarase un mural elaborado polo alumnado do IES e haberá un encontro co artista, conducido pola xornalista e presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz. Por motivos de aforo, non será un acto aberto ao público en xeral. Limitarase ao persoal, alumnado e Anpa do centro, e tamén asistirá unha representación da Corporación Municipal de Fene.