18-05-2022
No marco da conmemoración do Dia dos Museos, o Museo do Humor vén de habilitar un novo espazo web dende o que se pode realizar un percorrido virtual polas súas instalacións. Con este novo servizo, dispoñible a través do seguinte enlace, os/as visitantes poden achegarse ao museo calquera día da semana a calquera hora; e realizar unha visita virtual polas distintas salas, coa posibilidade de acceder a información complementaria sobre a súa historia e fondos (a través de todo tipo de elementos multimedia, imaxes, vídeos, documentos en pdf ou enlaces a URLs).
Ademais, o Museo do Humor de Fene virtual inclúe unha serie de pequenas entrevistas a persoas que, dun ou doutro xeito, tiveron algo que ver na historia do centro como son: os humoristas gráficos e impulsores do Museo do Humor Xaquín Marín e Siro López, o ex-alcalde de Fene Xose María Rivera Arnoso, o ex-concelleiro César Martínez, o tamén ex-concelleiro e presidente da Asociación de Amigos do Museo do Humor (entre o 2000 e o 2006) Xosé Piñeiro, o ceramista Francisco Pérez Porto, o ex-traballador do Museo do Humor Xosé Roel, ou o escritor e xornalista fenés Ramón Loureiro.
Empregando a denominada tecnoloxía Matterport, nesta visita virtual a simulación dos distintos espazos baséase na interconexión dunha serie de imaxes panorámicas de 360º, que permiten unha visualización completa do que rodea ao punto de visión, conformando así un espazo real virtual, manipulado e percorrido ao gusto polo/a usuario/a. Este espazo será accesible dende calquera computadora ou dispositivo móbil con acceso a Internet, aportando unha sensación semellante á de atoparse realmente inmerso no museo.
A visita foi producida por Xi Fotografía, incluíndo criterios de accesibilidade como subtítulos nos vídeos e audios nos textos (para uso sen audición ou con visión reducida). Todo isto, grazas a unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (Xunta de Galicia).