10-06-2022
Usuarios do Centro Ocupacional de Aspaneps Fene iniciaron esta semana as tarefas de repintado do mural “Todos metidos nun bote” que o Concello de Fene quere recuperar no marco do programa de actividades organizadas ao redor da exposición “Volta á orixe” (Museo do Humor). A obra, pintada orixinalmente pola Asociación de Amigos do Museo do Humor no ano 1996, foi realizada a partir dun debuxo de Xaquín Marín no que se representa a Castelao, Charles Chaplin, Miguel de Cervantes, Samuel Becket e Mark Twain a bordo dun barco no que o debuxante Chichi Campos, dende a proa, lanza un salvavidas a un náufrago.
As labores de repintado do mural “Todos metidos nun bote” desenvolveranse ao longo do mes de xuño e concluirán, coincidindo co peche da exposición, cunha visita ao mural na mañá do luns 27 de xuño. Da restauración da obra ocúpanse un grupo de mozos/as do Centro Ocupacional de Aspaneps aos que acompañará nalgunha das sesións o pintor naronés Leandro Lamas.
Amais da restauración do mural da Avenida das Pías, o Concello de Fene encargou tamén a Aspaneps o repintado doutro mural de Xaquín Marín, o que se amosa na fachada da Casa do Concello. Trátase dunha obra alusiva ao desarme e en favor da paz. O mural foi pintado no ano 1983, coincidindo coa declaración do termo municipal como “zona desnuclearizada”, o que significaba a “prohibición de autorización para instalación de enxeños nucleares, tanto bélicos como xeradores de enerxía, así como impedir o paso de camións con pezas para estas instalacións”. A actuación sobre este mural realizarase a partir do mes de setembro.