A III Mostra do alumnado de Laudas Calamity propón unha morea de Visións de Fene
Museo do Humor Dixomedíxomes30-06-2022
A Casa da Cultura de Fene acolle dende hoxe até finais do mes de agosto a metaexposición “Visións de Fene”, do alumnado do laboratorio de creación artística Laudas Calamity. Trátase dunha mostra interdisciplinar que, partindo de doce proxectos, transcorre pola escultura, a performance, a instalación, o debuxo e máis a pintura “para dar a coñecer ao espectador o Concello de Fene”. A exposición inaugúrase esta tarde, ás 18 horas, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene. Dende mañá, o horario de visitas será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, a instalacion permanecerá pechada.
Cada un dos doce proxectos que compoñen “Visions de Fene” xira en torno a este concello onde se localiza o “Laboratorio de Creación Artística”. As obras “suscitan a interpretación da historia, das tradicións, o folclore e a biodiversidade desta localidade, propoñendo unha revisión do pasado nos títulos “Antes e despois”, “Cóncavo e convexo”, “Lavadoras do pasado”, “Os indianos”, “Petroglifos e Pictoglifos” ou “A cor, testemuña do tempo”. Tamén se plantexa a interpretación do presente nas obras que abarcan a historia, a natureza e as tradicións: “Entroido”, “ExNatura”, “O tempo a flote”, “Un camiño cara a Santiago” e nos libro-arte de cantigas. E. “do agoiro do futuro, a nova xeración de artistas feneses comparten a súa visión sobre o pobo e o seu porvir facendo uso da arte reivindicativa con pancartas e a performance Descubridor descuberto.
En palabras de Laura Bouza, directora do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, “esta exposición pon de manifesto a filosofía do noso centro no que, ademáis do labor didáctico que desenvolvemos, cremos no poder de comunicación da arte, na súa lexitimidade e no seu valor social e cultural”.