Os segundos premios recaeron en Alejandro Vázquez Búa e en Andrés Chinchilla Argibay, respectivamente
Ricardo Olivera Almozara gaña o Premio Curuxa e Pedro Bouza Bernárdez o Curuxa Nova 2022
Museo do Humor Dixomedíxomes04-07-2022
O xurado do XXVI Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido esta mañá nas instalacións do Museo do Humor de Fene, vén de dar a coñecer os nomes dos gañadores do certame na súa edición 2022. O xurado -formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, polos debuxantes Xaquín Marín, Alexandre Marín e Alexandre Sequeiros Camiña (gañador do 1º premio categoría Curuxa 2021), xunto coa coordenadora do Museo do Humor, Almudena Marcos, que actuou en calidade de secretaria do certame- acordou conceder os premios a:
Categoría CURUXA-NOVA (menores de 25 anos)
• 1º Premio, dotado con 1.000 euros e diploma, ao traballo presentado por Pedro Bouza Bernárdez co título “Amor en tempos de inflación” e o lema “Mr. Copic”. O xurado valorou a eficacia e sinxeleza do debuxo, a composición e que se trata dun tema de actualidade.
• 2º Premio, dotado con 500 euros e diploma, ao traballo presentado co título “Gamers” e o lema “Chanchullos” por Andrés Chinchilla Argibay. Neste caso o xurado valorou a técnica do debuxo e o feito de abordar o exceso de tecnoloxía coma un dos grandes problemas da sociedade actual.
O xurado tamén acordou nomear finalistas na categoría Curuxa Nova, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Lucía Rodríguez Cid, co título “Neoneolítico”, e Luciano Ripio Molina, co título “A neo caverna de Platón”
Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)
• 1º Premio, dotado con 2.000 euros e diploma, ao traballo presentado co lema “El viajero” e o título “Héroe”, do debuxante Ricardo Olivera Almozara. O xurado valorou a realización técnica do debuxo, a composición e a paleta de cor. Tamén salientou o seu carácter intemporal, a irreverencia que expresa a viñeta e o uso da metáfora como crítica á guerra e ao poder militar.
• 2º Premio, dotado con 1.500 euros e diploma, ao traballo presentado co lema “Pirumichi” e o título “Corrente de altura”, do que é autor Manuel Alejandro Vázquez Búa. O xurado valorou o tema, moi de actualidade e tratado con ironía, así como a súa perfección técnica.
O xurado acordou nomear finalistas na categoría Curuxa, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Omar Alberto Figueroa Turcios, sen título, e Beatriz Rodríguez Gregores, co título “Terra de nada” e pseudónimo “Gregorín”.