O fotógrafo ferrolán Carlos Muíños presenta en Fene “Os soños esquecidos”
Museo do Humor Dixomedíxomes03-10-2022
A Casa da Cultura de Fene acolle desde este martes a exposición de fotografía “Os soños esquecidos”, de Carlos Muíños. A mostra, formada por unhas corenta obras, reflicte espazos abandonados (vertente fotográfica que adoita coñecerse coma “urbex”). Son fotografías realizadas a partir de 2017 en lugares esquecidos de Galicia, Asturias e Portugal. “Os soños esquecidos” amosarase en Fene até o vindeiro 30 de outubro en horario de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Carlos Muíños estudou Artes Gráficas no IES Leixa. Na actualidade traballa como técnico especialista de iluminación en artes escénicas, labor que compaxina co seu traballo como fotógrafo, videógrafo e deseñador gráfico freelance.
Os seus comezos na fotografía baséanse nunha aprendizaxe autodidacta, ata que comezou a completar os seus coñecementos con cursos de manexo de cámara e edición. No seu tempo coma fotógrafo, viaxou por diferentes cidades como Porto, Londres, París, Madrid e outros moitos puntos da xeografía española, procurando paisaxes tanto urbanas como naturais.
Realizou exposicións en diferentes salas do territorio galego, expoñendo o seu traballo sobre espazos abandonados (urbex): A Coruña, Culleredo, Neda, Ferrol, etc. Ademais, ten publicado en distintas revistas especializadas en fotografía artística como DocuMagazine (Finlandia) ou Sonymage (España).
O seu traballo, actualmente, céntrase no mundo da fotografía de paisaxe, retrato e fotografía de rúa.